Os días 20 e 21 de setembro, Barro será un punto de encontro para as persoas afeccionadas á natureza e a creación rural co festival "Especies de Espazos", que se celebrará na Escola de Agudelo. A programación do sábado arrancará ás 17.00 horas cun obradoiro de cultivo de fungos a cargo da Cooperativa Somos Terra. A xornada rematará ás 21.30 horas cunha sesión de autocine coa proxección de "Eroski Paraíso", filme de Jorge Coira e Xesús Ron. O domingo comezará ás 10.30 horas cun obradoiro de elaboración de pasta fresca impartido por ViaNai. Ás 19.00 horas terá lugar o encontro "Creando no Rural", que contará coa participación de Edurne Sendra, que falará sobre "Calabizo, explosión de sabor 100% vexetal"; Manolo González, que abordará "A creación dun bosque comestible onde antes había un vertedoiro"; e José Manuel Parga, que tratará a "Agricultura rexenerativa e horta ecolóxica". A programación do domingo completarase ás 20.00 horas con música e petiscos. Durante todo o evento realizarase unha recollida solidaria de alimentos para cans e gatos en favor das asociacións Cadeliños e Difusión Felina. Todas as actividades son de balde con inscrición previa a través do correo electrónico colectivo.espazo16@gmail.com.