O Partido Popular de Pontevedra criticou este sábado a situación actual do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), pechado ao público desde o pasado 28 de febreiro. "O BNG pechou o único museo municipal que tiña, desde a súa inauguración no ano 2010, e non hai visos de que o volvan abrir sete meses despois", critica o portavoz do PP local, Rafa Domínguez. O representante dos populares asegura que se trata dunha "xestión errática" do goberno local cun espazo cultural e de memoria para a cidade. "Pontevedra necesita urxentemente un goberno á altura dunha capital de provincia, que se preocupe polo mantemento de todas as instalacións municipais, impulse a cultura e traballe para mellorar a calidade de vida dos veciños", defende Domínguez. O portavoz do PP engade este caso a unha lista de "proxectos errados", nos que coloca tamén ao Gastroespazo do Mercado de Abastos, a planta de tratamentos de residuos da Canicouva ou o pavillón deportivo da Parda. No que respecta á CITA, a instalación museística foi pechada o 28 de febreiro, xustificou entón o Concello, para acometer obras de renovación e mantemento do equipo de ventilación e climatización. Durante esta pausa estaba previsto reflexionar sobre a mellor maneira de mellorar o número de visitas ao centro de interpretación. As estatísticas reflicten que o ano 2024, último completo de apertura da CITA, rexistrouse unha media de 14 visitas diarias á instalación.