O Club Cisne Balonmán perde para o tramo inicial da tempada un dos xogadores importantes do seu plantel como Víctor Fernández. O central danouse o seu xeonllo no duelo de Supercopa Galicia contra o Cangas do pasado 7 de setembro. Días despois foi sometido a unha resonancia magnética para determinar o alcance exacto da súa doenza e ante o temor dunha rotura total do ligamento cruzado do seu xeonllo dereito. O Cisne confirma agora unha lesión nese ligamento cruzado anterior, pero avanza que se decidiu apostar por un tratamento conservador, esquivando por tanto a operación cirúrxica. En concreto a recuperación levará a cabo "mediante o protocolo Cros Bracing (CBP) e infiltracións de PRP", explica o club pontevedrés. O proceso de recuperación xa se iniciou. Con todo resulta complicado polo momento establecer un período aproximado de convalecencia. De feito o Cisne confirma que o tempo de baixa determinarase "segundo a súa evolución".