Este domingo 21 de setembro ás 19:00 horas, o Centro Sociocultural de Tenorio acollerá a representación de Os fabulosos Cleaners, un espectáculo da compañía Malasombra Producións, incluído no programa provincial +Escénicas. A entrada será de balde, co obxectivo de facilitar o acceso da veciñanza á cultura e promover a dinamización sociocultural no municipio. Os fabulosos Cleaners é unha divertida proposta protagonizada por Xoque Carbajal e Jouse García, dous intérpretes cunha ampla traxectoria no teatro galego, recoñecidos pola súa capacidade para mesturar humor, xestos e interacción co público. A dirección corre a cargo de Marcos Orsi e Xoque Carbajal, mentres que a creación artística leva a sinatura de Luis Beviá e Xoque Carbajal. A compañía Malasombra Producións é coñecida en Galicia polo seu estilo característico, que combina teatro cómico e crítica social cun ton próximo e familiar, ofrecendo espectáculos accesibles para todos os públicos. O alcalde de Cerdedo-Cotobade; Jorge Cubela, destacou que "a cultura debe estar ao alcance de todos e por iso seguimos apostando por traer eventos que enchan de vida os nosos centros socioculturais e reforcen o orgullo de pertenza ao noso municipio". O ciclo +Escénicas, promovido pola Deputación de Pontevedra, busca achegar espectáculos de teatro, danza e artes escénicas a diferentes concellos da provincia, reforzando o papel da cultura como motor de cohesión social e dinamización local. Grazas a este plan, municipios como Cerdedo-Cotobade poden contar cunha programación variada, inclusiva e de calidade sen custo para a veciñanza.