Axudar aos docentes a unha mellor detección e prevención das situacións de acoso escolar. Ese o obxectivo do protocolo contra a violencia nos centros educativos que a Xunta de Galicia presentou este mércores no IES Luís Seoane de Monte Porreiro. Este protocolo, que recolle como actuar ante calquera tipo de violencia, ben sexa física, emocional, sexual ou de explotación económica, busca que os centros sexan "espazos seguros e de confianza" onde os alumnos sentan "protexidos e escoitados", segundo Rodríguez. Desde este instituto pontevedrés, elixido polo traballo que realizan en materia de convivencia, o responsable de Educación no goberno galego indicou que se actuará en casos que xurdan no propio centro ou ben na contorna familiar ou social dos menores. Este documento establece unha "folla de ruta clara" para que os docentes poidan activar o protocolo ante a sospeita de que algún estudante poida estar a sufrir unha situación de violencia de calquera tipo e en calquera contexto. A loita contra a violencia nos centros educativos, sostivo o conselleiro, "debe comezar moito antes de que aparezan os primeiros síntomas", logrando para iso que colexios e institutos promovan un ambiente emocional "propicio" de confianza e axuda. Román Rodríguez presenta no IES Luis Seoane o protocolo contra a violencia escolarXunta de Galicia O obxectivo é asegurar unha resposta "rápida e eficaz" para poder intervir cando se detecten casos de violencia, actuando "con máxima dilixencia e responsabilidade" ante unha sospeita de que un neno se atope nunha situación de risco. Aínda que os docentes non serán os responsables de valorar nin de confirmar a existencia dunha situación de violencia sobre un menor, poderán contar coas ferramentas necesarias para identificala, comunicala e activar os mecanismos para protexerlles. De confirmarse a sospeita, o docente deberá polo en coñecemento do equipo directivo e, en función da gravidade dos feitos, deberá comunicalos de maneira inmediata ás forzas e corpos de seguridade do Estado ou aos servizos sociais. Tamén se lle comunicarán os casos á familia da vítima, a condición de que se confirme que as persoas agresoras e/ou encubridoras non pertencen á contorna familiar e realizarase, de maneira confidencial, un seguimento do alumno que fora violentado. En materia de prevención, xunto coa figura de coordinador de benestar e convivencia en cada centro, promoveranse charlas informativas para crear ambientes de confianza onde o alumnado "non teña medo a falar e se sinta seguro", explicou Román Rodríguez. Haberá tamén charlas e talleres sobre intelixencia emocional, tensión parental ou conflitos familiares, entre outros, para as familias; e reforzaranse tanto a formación do profesorado como as canles de comunicación cos pais dos menores.