San Xoán de Poio encherase de tradición, música e devoción da man das Festas da Merced. O evento, organizado pola Orde Tercera de la Merced en colaboración co Concello, inclúe como pratos fortes a peregrinación nocturna e as actuacións das orquestras Ritmo Joven e Panama Band na Praza do Mosteiro, tal e como explicaron os seus organizadores xunto ao alcalde Ángel Moldes e a concelleira Natividad Torres durante a presentación do programa. A noite do martes 23 de setembro arrincará ás 22:00 horas coa tradicional peregrinación simultánea desde o atrio de San Salvador, a Capela da Virxe de Fátima de Campelo e a Igrexa de San Roque de Combarro. As tres procesións confluirán no tramo final para chegar xuntas ao Mosteiro de Poio, onde se celebrará a misa de medianoite, cantada polo coro Virxe da Renda de Combarro. Ao finalizar haberá queimada, chocolate e roscón para o público. A noite acabará coa música de Ritmo Joven na Praza do Mosteiro. O mércores 24, festivo local, abrirá coa sesión de dianas e alboradas interpretadas polos grupos Vides Novas e a Escola de Música Tradicional de Poio. A xornada continuará ás 12:00 horas coa Misa da Vendima, mentres que pola tarde, ás 19:00, celebrarase a misa solemne e procesión en honra á patroa, acompañadas pola Banda de Música da Lama e a Coral de Poio. Os festexos concluirán ás 21:00 coa verbena amenizada pola orquestra Panama Band na Paza do Mosteiro. Durante a presentación da programación, o alcalde Ángel Moldes agradeceu ás Mercedarias e a todos os colectivos locais a súa implicación e insistiu en que citas como esta "reflicten o dinamismo do tecido social de Poio e o seu compromiso coa cultura, a tradición e a convivencia, enchendo de vida as nosas rúas".