O financiamento de Cataluña e a xestión da Xunta nos incendios tensan o pleno municipal

Wait 5 sec.

Non só de Palestina viviu o pleno municipal deste luns, onde outros dous asuntos -non demasiado ligados a Pontevedra- centraron o resto do debate no seo da corporación: o financiamento de Cataluña e a xestión da Xunta nos incendios de agosto. No primeiro dos asuntos, Rafa Domínguez lamentou que Pedro Sánchez "roba a Galicia para dárselo a Cataluña"para manterse no seu posto como presidente, algo que considera "inmoral" se o fai "perdonando la deuda a los catalanes para que la paguen los gallegos". Como consecuencia deste "robo", sinalou Domínguez, que é "favorecido, consentido y complacido" polo BNG, Galicia ten "menos recursos". A este respecto esixiu unha repartición "equitativa" dos fondos entre todas as autonomías. O socialista Iván Puentes, tras lembrar as cesións de Aznar ao independentismo catalán, censurou que o PP se empeñe en traer a Pontevedra a "política basura e kinki" de Ayuso e Núñez Feijóo en Madrid, polo que afirmou que "non imos participar dese circo". "Nós queremos falar dos problemas de Pontevedra e facer unha política de diálogo, consenso e de traballo polos intereses deste país", indicou Pontes, que pediu aos populares que "se lles interesan os galegos" negocien e acepten a condonación da débeda a Galicia. A estas críticas sumouse tamén César Mosquera, que ironizou con que os populares "non se fían" dos seus parlamentarios en Madrid se traen estes asuntos ao pleno municipal e fano, ademais, con razoamentos "de caverna". O nacionalista augurou que, se nalgún momento, o PP depende do voto das forzas independentistas para gobernar "van a dicir que todo é extraordinario", algo que "xa fixeron varias veces". Por iso é polo que lles pediu que deixen de impulsar "campañas absurdas". Pola súa banda, Guille Juncal (PP) reclamou que o Concello de Pontevedra colabore coa Xunta de Galicia e co Goberno central para crear un marco de cooperación "real e efectiva" para mellorar a prevención nos montes galegos e a capacidade de resposta ante os incendios. O sucedido en agosto, segundo Juncal, foi unha "traxedia" que provocou unhas consecuencias ambientais "tremendas" que agora a Xunta debe afrontar, entre outras medidas, con axudas ás familias e ás explotacións agrogandeiras. Para os socialista Marcos Rei, os populares, ao apelar a esta colaboración, están "blanqueando a incompetencia" da Xunta ante unha xestión forestal "que quedou en evidencia". Denunciou que o PP siga querendo "maquillar a realidade e enganar á cidadanía". César Mosquera, por último, sinalou que ante esa vaga de incendios o goberno galego estivo "absolutamente desbordado" e apelou a tratar esta cuestión "con seriedade". Lembrou que o PP cando está na oposición "vai coa manguerita a facer o ridículo" e cando están a gobernar "esperan que chova" para que se apaguen os incendios. Pola súa banda, as outras dúas mocións que a oposición levou ao pleno foron aprobadas por unanimidade de toda a corporación. Así, a proposta do socialista Manuel Fariña, o Concello renovará o consello escolar municipal, convocándoo de maneira regular para retomar o "diálogo real" coa comunidade educativa. Ademais, o goberno municipal redactará un novo plan de emerxencias, como pedía a popular Pepa Pardo, que consideraba que este documento, que data de 2007, está "obsoleto", non responde ao mapa actual da cidade e que non contempla "riesgos nuevos".