Retiran case 430 quilos de lixo mariño e plantas invasoras da Illa de Sálvora

Wait 5 sec.

Xornada de limpeza este sábado na Illa de Sálvora, dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Preto de 50 persoas participaron na actividade convocada por Afundación no marco do programa PLANCTON, co obxectivo de colaborar na mellora dos ecosistemas mariños e terrestres. Divididos en grupos, unha parte do colectivo dedicou os seus esforzos á retirada de lixos mariños nos areais de Almacén, Zafra e Area dos Bois. Outro grupo de voluntarios traballou pola súa banda na retirada de especies exóticas invasoras, entre elas a coñecida como herba de San Xoán (Helichrysum foetidum). En total conseguiron retirar da illa preto de 430 quilos de despercidios mariños e flora de especies consideradas invasoras. En concreto foron máis de 100 quilos entre os que se atopaban tarugos plásticos empregados nas cordas das bateas para evitar a caída dos mexillóns das mesmas, e outros obxectos relacionados coa actividade pesqueira como restos de cabos, aboias, redes, cordas e sedelas. Tamén atoparon residuos posiblemente arrastrados pola marea e vinculados a actividades turísticas e de lecer como restos de bolsas e envoltorios, tapóns plásticos, botes e botellas. Retirada de residuos e especies invasoras en SálvoraAfundación A esa cifra engadíronse 326 quilos de plantas invasoras que compite con vexetación autóctona e modifica o equilibrio natural do ecosistema. Ademais da citada herba de San Xoán, retiráronse da contorna da aldea de Sálvora pés de Amaryllis belladonna e de Crassula ovata, plantas de orixe surafricana.