Dispositivos que fallan e mentiras e máis mentiras

Wait 5 sec.

Hai que asumilo: a loita contra a violencia de xénero é unha batalla perdida, e non soamente polo cruenta e dura que é, xa que contra isto se podería loitar, senón porque está dirixida por auténticos desaprensivos cuxo único obxectivo é utilizala para o seu beneficio e aos que as vítimas, a súa protección, a das súas fillas e fillos, non lles importa nin lles preocupa en absoluto. Esta semana tivemos unha das mostras máis evidentes do que estou a dicir, cando desde a Fiscalía Xeral do Estado se alertou dunha gran cantidade de absolucións de maltratadores ou sobreseemento das causas, por "múltiples fallos" nas pulseiras de control telemático... Case nada! Naturalmente, como era de agardar, desde o Ministerio de Igualdade faltou tempo para saír ao paso alegando a señora ministra, da que, por certo, aínda non sabemos moi ben que pinta aí, porque os "éxitos" da súa xestión á vista están, que era un tema do pasado mes de novembro, que xa se resolvera e que agora o sistema funciona "moito mellor", para, acto seguido, enviar unha carta ao CGPJ na que o acusa de ter creado unha "alarma innecesaria". Vaia, señora ministra, xa nos quedamos moito máis tranquilas! Non esquezamos, ademais, que en novembro de 2023, ante a posibilidade de que a entón ministra, Irene Montero, non continuase no cargo, licitou un contrato no que se fundiron nada máis nin nada menos que 50.075.078,29 euros no traspaso de provedores, ata entón Movistar, para pasar a ser Vodafone, porque, outra cousa non, pero se algo se lles dá de auténtico luxo a todas e cada unha das ministras que pasan por Igualdade é fundir miles e miles de euros como se non houbese un mañá, sen que se vexa, iso si, ningún resultado positivo nin ningunha mellora na protección das vítimas. Lonxe diso, o seu número medra de día en día. Para finalizar tan demencial e demoledor resumo, a señora Ana Redondo, actual ministra, recoñece, iso si, algún "fallo puntual" sen que implicaran, di, risco algún para as vítimas, e que ningunha delas sufriu percance algún. MENTIRA, SEÑORA REDONDO, MENTIRA! Para comezar, os que traballamos día a día con vítimas, podemos asegurar que, de fallos puntuais, nada de nada. Todo o contrario, porque os fallos son múltiples e reiterados, pero claro, a vostede e aos seus "chiringuitos afíns" todo isto lles cae noutro planeta xa que, desde a comodidade dos despachos, é difícil ter constancia nin disto, nin de nada, claro que tamén, por outra banda, a quen lle interesa sabelo? A vostede obviamente, non. Lembrámoslle, por se o esqueceu, se é que algunha vez chegou a sabelo, que, no que atinxe á violencia de xénero, e, porén, a vidas humanas, non nos podemos permitir o luxo de "fallos puntuais", porque un só fallo pode supoñer unha vida menos, ou varias, como xa ten sucedido en reiteradas ocasións. Cada segundo conta, é crucial. É, ademais, totalmente intolerable e inxustificable que non soamente non se advirta ás vítimas do risco adicional que están a correr cando algo así sucede, senón que se minimice, reducindo á categoría de anécdota o que é unha auténtica bomba de reloxaría que as pode levar por diante, como xa sucedeu en moitas ocasións, por máis que tenten vendernos o contrario. As vítimas teñen todo o dereito do mundo a coñecer en todo momento a súa situación real, a protección coa que contan, e coa que non, e a tomar, en consecuencia, a decisión que consideren máis oportuna. Por se isto non abondara, vemos como, lonxe de preocuparse polo que estarán a sentir estas mulleres, do terror que máis dunha terá pasado e seguirá pasando, os políticos están, unha vez máis, a utilizar este perigoso fallo como ferramenta política, lanzándose dardos envelenados, esquecendo por completo que están a falar de seres humanos con moita dor ás súas costas. Hai outro aspecto fundamental a ter en conta do que ninguén fala, que tampouco interesa. O factor humano, ou, dito doutro xeito, a resposta daqueles que están obrigados a protexer as vítimas. En moitas ocasións, os dispositivos funcionan perfectamente, e rapidamente, desde o Centro Cometa, pásase o aviso, pero a vítima agarda, morta de medo, desesperada, a chegada dunha patrulla que non aparece nunca. Que lles dicimos disto? Non poucas veces temos acudido algunhas de nós á chamada dalgunha usuaria da nosa asociación que agardaba, inutilmente, a chegada da policía despois de soar o dispositivo, chegada que nunca se produziu. Por desgraza, están tan asustadas, tan anuladas, que moi poucas veces, por non dicir nunca, isto se traduce nunha denuncia formal, porque abondo teñen xa co que teñen, temendo, ademais, que, de facelo, non soamente todo quede en nada, senón que as máis prexudicadas van ser elas, porque todos sabemos aquilo de "can non come a can". Esta é, tan só, unha parte da realidade, desa realidade que vostede semella descoñecer, e que nos fai preguntarnos de que nos serve ter un Ministerio de Igualdade, aparte, claro está, para que vostede e os seus "satélites" vivan de luxo grazas á dor de tantas mulleres que ven perigar as súas vidas cada día sen que ninguén faga nada por axudalas. Pola contra, se alguén, como é o noso caso, tentamos traballar para visibilizar as eivas que se están a producir, e, consecuentemente, arranxalas, o que se fai, en lugar de rectificar e aceptar as testemuñas da nosa experiencia, é tentar botarnos á cuneta para que calemos a boca e continuar como sempre, que se vive moi ben, non si? Ao fin e ao cabo, falamos tan só de vidas e non é para alporizarse tanto. Asociación Si, hai saída