Pertenzo a unha diverxencia

Wait 5 sec.

Sorprendéronme as palabras do conselleiro de Sanidade da Xunta, Antonio Gómez Caamaño. O mércores declarou que a sanidade galega, dirixida por el, vai camiño da perfección, contou que: "actualmente o 60% dos cupos en Galicia aténdense nun máximo de catro días, e o 40% en só dous", aínda que recoñeceu que hai diferenzas entre áreas sanitarias e centros de saúde, asumindo que "hai diverxencias". Logo engadiu dúas frases aclaratorias dicindo que "traballamos para mellorar esas diverxencias, pero a asistencia sanitaria está garantida" para lembrarnos que no caso de ter unha cita para máis días na aplicación do Sergas "simplemente acódese ao centro de saúde e catalógase a necesidade en función da prioridade". O conselleiro de sanidade constatou algo obvio que todos os galegos e galegas sabemos. Cando estamos doentes e vemos que non damos curado, dunha enfermidade común, e, por riba, non damos collido vez por internet acudimos ao centro de saúde e si está a noso médico, agardamos ata o final e seguro que nos atende. Si non funciona imos a urxencias. Pasa acotío. O persoal médico, e de enfermería, esfórzanse, na súa inmensa maioría, por atendernos aínda que sexa fóra de cita. Iso non quere dicir que teñamos cita no mesmo día ou ao día seguinte como pasaba fai uns anos. As cousas cambiaron moito na sanidade galega, a peor. Si falamos das especialidades cada vez son máis longas. Si vas ao especialista moitas das veces queda feita unha cita para dentro dun ano. Miras "A miña axenda" no Esaude, ves que pon, moi precavidos polo algoritmo: "Data idónea". Esa data nunca se cumpre, pasan meses, ou, no peor dos casos, anos para que chegue a cita. Iso si, asinamos convenios e concertos con centros privados de sanidade. Foméntase o seguro privado?. O conselleiro, ou Rueda, saben cal é o salario, ou pensión, medio en Galicia para poder pagar un seguro privado?. Esta semana os sindicatos de médicos e facultativos de Galicia O'MEGA e SIMEGA andan reclamada ao Sergas que limite a sobrecarga dos médicos de familia para que es estableza un máximo de 30 asistencias diarias e non 70, como pasa en moitos centros, sendo o dobre do que se considera un baremo de calidade. Tamén fan reivindicacións sobre o traballo burocrático, que debería facer o persoal administrativo, a situación dos PAC (Puntos de Atención Continuada) ou as gardas. Estes sindicatos "advirten de que sen medidas inmediatas para reducir a presión asistencial, reordenar os recursos e recoñecer debidamente o traballo dos profesionais, a sanidade pública galega seguirá nunha situación crítica". Aplaudímoslle na pandemia. Pronto esquecémonos deles, agás cando toca ir ao médico. Quen máis se esqueceu foi a administración da Xunta. O persoal sanitario, medicina e enfermería, non poden ser tratados como calquera grupo da administración. Son moito máis. Pagámoslle por sandarnos, o seu labor máis importante é ternos sans. En "Diverxente" ("Divergent", Neil Burguer 2014), filme distópico, a sociedade divídese en cinco grupos Abnegación (os altruístas), Cordialidade (os pacíficos), Verdade (os sinceros), Ousadía (os valentes) e Erudición (os intelixentes). O resto son os abandonados. Ao cumprir os 16 anos mozas e mozos son obrigados, a través dunha proba de aptitude psicolóxica inducida por soro, a elixir grupo. Non quero ser diverxente como no filme, tampouco un abandonado, gústame ter parte de todos os grupos. Na sanidade non quero vivir nunha "diverxencia" (palabra de conselleiro). Quero unha sanidade boa. Que me atenda cando fai falla. A cidadanía debemos empurrar para que os responsables da sanidade pública melloren a calidade. Que incrementen e atendan ao persoal que nos coida. Temos que coidar a quen nos coida.