Buscando os novos Sinner, Alcaraz ou Bouzas nas pistas do CCD Sanxenxo

Wait 5 sec.

O torneo internacional júnior máis antigo de España xa está en marcha na que é, nin máis nin menos, que a súa 23ª edición. As pistas do Círculo Cultural Deportivo (CCD) de Sanxenxo acolleron este domingo o inicio da fase previa do torneo ITF World Tennis Tour Juniors Sanxenxo, o mesmo polo que pasaron ao longo dos anos moitos dos grandes nomes que hoxe en día dominan o circuíto profesional. Tenistas como Carlos Alcaraz, actual número 1 do mundo, que foi subcampión e causou sensación con só 15 anos na edición 2018, ou o seu gran rival, o italiano Jannick Sinner, que chegou a unha final de dobres en Sanxenxo en 2017. Pero non son os únicos, Alexander Zverev ou Casper Ruud, ambos os dous Top-10 do ATP, deixaron a súa pegada no internacional de Sanxenxo. Como a nivel feminino fixérono a arousá Jéssica Bouzas, último gran talento nacional en brillar na WTA, así como a primeira raqueta española, Paula Badosa, ou a medallista olímpica Cristina Bucsa, entre outras moitas xogadoras. Por iso hai que gardar ben o nome dos tenistas que, un ano máis, baterán o cobre durante unha semana no CCD de Sanxenxo, buscando chegar ás finais previstas para o vindeiro domingo 28 de setembro. Nesa nómina, segundo a organización, aparacen como principais favoritos o suízo Thomas Flynn, número 34 do mundo, ou o italiano Michele Mecarelli, 57 do ranking. O ITF World Tennis Tour Juniors Sanxenxo é un evento de categoría J300, un nivel que só alcanza outro torneo en España, o organizado pola Academia de Juan Carlos Ferrero. A fase previa continúa este luns con 16 encontros previstos na Cultural, con todos os partidos contando con acceso libre para o público.