Furor por Domingos de Principal. En apenas 48 horas voaron os 100 primeiros abonos postos á venda para ciclo de teatro familiar. Segundo informa o Concello de Pontevedra, o público esgotou a primeira cota de 50 abonos para a quenda matinal e os outros 50 para a sesión de tarde. Por ese motivo, este domingo activáronse na plataforma de venda Ataquilla un segundo bloque de abonos para Domingos do Principal, con outras 100 unidades (50+50). Estes abonos para o ciclo completo teñen un custo de 18 euros, mentres que as entradas para cada un dos espectáculos fixáronse en 4 euros. Todas as obras ofrecerán un dobre pase, ás 12.00 e ás 18.30 horas. A programación completa de Domingos do Principal é: 12 de outubro: A compaña, de Xampatito Pato. Unha peza de clown con marionetas dirixida a público a partir de seis anos. Trátase dunha viaxe onírica que busca levar ao público fóra da realidade a través da imaxinación. 19 de outubro: Monstros, de Producións Excéntricas. Unha obra para maiores de oito anos interpretada por recoñecidos actores e actrices da escena galega. A peza profundará na idea de enfrontarse a un monstro interior ou exterior. A compañía foi premiada nos Premios María Casases 2025. 26 de outubro: Verne, de Onírica Mecánica, compañía de Murcia. Unha peza que, a través da imaxinación, busca superar o pesimismo do mundo actual tal e como faría o propio escritor francés Jules Verne. 9 de novembro: Molto Barroco, de Píscore Teatro. Unha comedia que combina música, baile e actores nunha divertida historia dun rei que encarga unha obra para a pedida de man da súa futura raíña. A peza foi seleccionada para o Certame Barroco Infantil do Teatro Clásico de Almagro en 2024. 16 de novembro: Ándalle Bon Appetit, de Teatro dos Ghazafelhos. Os chefs máis coñecidos preparan receitas xunto a Pancho Vila, Frida Kahlo e outros personaxes mexicanos. A obra estivo nomeada aos Premios María Casases 2024. 23 de novembro: Mr Bo, de Compañía Marie de Jong (Euskadi). Unha obra de teatro mudo que convida á reflexión sobre como nos enfrontamos a un tirano.