Soutomaior estuda ampliar o programa Biblioverán para chegar a máis zonas de baño en 2026

Wait 5 sec.

O balance do programa municipal Biblioverán deixou un grato sabor de boca no Concello de Soutomaior. Tanto que "xa estamos traballando na edición do próximo ano, que terá como novidade un programa piloto para implementalo noutra área de baño do concello", anuncia a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, sobre os plans para ampliar o servizo. Biblioverán permaneceu activo desde o 24 de xuño ao 19 de setembro, achegando a Biblioteca Pública Luís Seoane a diferentes espazos de Soutomaior. Segundo os datos que manexa o Concello, o servizo consolidouse entre os seus usuarios, cunha media de entre 8 e 10 persoas ao día nas dúas horas e media de actividade. Unha actividade que permitía non só compartir lecturas senón tamén realizar préstamos e devolver libros. Neste sentido a edición de 2025 pechou cunha cifra récord de préstamos, con 90. Ademais realizáronse actividades de animación á lectura con contacontos, obradoiros de monicreques e tamén accións para adultos. "Dende a concellaría de cultura estamos moi contentas coa excelente acollida de Biblioverán, que xa conta con usuarios e usuarias fieis que o empregan ano tras ano e semana tras semana na súa praia habitual", destacou a edil de Cultura.