O comercio pontevedrés está de loito polo falecemento, aos 94 anos de idade, de Ernesto Filgueira Eiras, unha figura emblemática que durante máis de medio século converteu a súa tenda La Casa de los Paraguas nun símbolo de calidade e proximidade na Zona Monumental da cidade. Filgueira Eiras, veciño de Lérez, soubo transformar con esforzo e visión unha pequena tenda nun establecemento de referencia que medrou xeración tras xeración, grazas ao seu constante empeño por diversificar e mellorar a oferta comercial. Máis alá da súa actividade empresarial, Ernesto Filgueira foi un dos impulsores da creación da Asociación de Comerciantes da Zona Monumental, deixando unha pegada importante no tecido comercial da cidade. O seu fillo, Ernesto Filgueira Toruiño, continuou este legado exercendo como presidente da entidade durante moitos anos. O Centro Comercial Urbano Zona Monumental destacou nun comunicado que Filgueira era "cercano, amable e sempre disposto a axudar", subliñando o seu compromiso coa comunidade e a súa "incansable labor para dar voz á Zona Monumental". Tanto a veciñanza de Lérez, representada pola asociación San Bieito, que preside outro dos seus fillos, Miguel Filgueira Touriño, como a Asociación de Comerciantes coinciden en recordar a importancia da súa figura. "Hoxe despedimos non só un empresario exemplar, senón tamén unha persoa entrañable, traballadora e querida, cuxo legado permanecerá vivo na memoria de todos aqueles que tivemos a sorte de coñecelo", sinalou o comunicado veciñal. Na súa tenda, a clientela atopaba non só produtos de calidade, senón tamén o trato próximo e humano que sempre o caracterizou, convertendo o establecemento nun punto de encontro e referencia para varias xeracións de pontevedreses.