O Concello de Cambados e a Deputación de Pontevedra promoven para os próximos luns 22 e martes 23 de setembro unha actividade de caiac adaptado polo río Umia, dirixida especificamente a persoas con diversidades funcionais. A proposta permitirá descubrir os segredos da desembocadura do Umia navegando desde a Praia da Mouta ata San Sadurniño. A actividade desenvolverase ambos os días ás 16:00 horas cunha duración estimada de entre dúas e tres horas. Está pensada para persoas con diversidade funcional de mobilidade reducida, auditiva, visual e outras, que poderán ir acompañadas de persoas sen diversidade. A iniciativa é gratuíta para as persoas empadroadas en Cambados e inclúe guías profesionais, todos os materiais necesarios e seguros de responsabilidade civil e accidentes. Para participar é necesario levar bañador, toalla e roupa de cambio, ademais de protector solar e gorra. O evento conta con límite de prazas, polo que é imprescindible realizar a inscrición previa. As inscricións están abertas a través desta ligazón, onde as persoas interesadas poden formalizar a participación na actividade que permitirá realizar unha actividade deportiva nun espazo natural.