O Nadal arrinca este sábado en Caldas de Reis coa celebración da terceira edición da 'Papanoelada moteira'. Organizada polo Concello en colaboración co colectivo moteiro 'Os Keimaos', a cita deste ano contará cun percorrido circular duns 40 quilómetros que cruzará os municipios de Bemil, Paradela, Catoira, Bamio, Vilagarcía, Godos, Portas, Arcos, Eirín e volverá de novo a Caldas. O tenente de alcalde Manuel Fariña explicou que a iniciativa se desenvolverá finalmente este fin de semana tras aprazarse o pasado sábado polas malas condicións meteorolóxicas, que comprometían a seguridade das persoas participantes. A concentración comezará ás 16.00 horas na praza de Sesto Casal, detrás do Mercado Municipal, onde estará instalado o arco de saída. Desde alí, as motos emprenderán a ruta de 40 quilómetros para regresar ao momento de partida ao redor das 19:00 horas, onde se ofrecerá unha gran chocolatada con roscón de Caldas totalmente gratuíta para participantes e acompañantes. Ademais, o percorrido terá paradas onde os participantes poderán degustar petiscos. Para participar non se require inscrición previa, aínda que será necesario entregar alimentos non perecedoiros, que recollerá o Concello para a súa distribución entre as familias con menos recursos a través dos Servizos Sociais municipais. Tamén será imprescindible acudir vestido de Papá ou Mamá Noel. Fariña animou a veciños de Caldas, da comarca e doutros municipios a gozar da concentración moteira aproveitando que o bo tempo acompañará, aínda que con frío. Ademais, o sábado tamén se celebrará na parcela de Rabexe unha exhibición de vehículos 4x4, cun espectacular circuíto que incluirá ramplas, hoyos, troncos e obstáculos de alta dificultade para pór a proba a destreza dos pilotos. A xornada arrincará ao redor das 10:00 horas coa entrada graduada dos participantes e prolongarase durante todo o día. O evento contará cunha zona de restauración e xantar baixo carpa (20 euros por persoa), ademais dun amplo aparcadoiro.