O regreso á competición non trouxo boas noticias para o Poio Pescamar, que caeu con claridade na súa visita ao líder Melilla Torreblanca (6-0). O conxunto conserveiro, que volvía á pista tras o parón polo Mundial, sufriu un castigo excesivo nun partido no que o dominio foi totalmente local e no que as rojillas apenas lograron inquietar a portaría rival. O Melilla impuxo o seu ritmo desde o inicio, obrigando a Elena a intervir ante Nega aos tres minutos de xogo. Pouco despois, a gardameta conserveira daba paso á súa particular exhibición para manter o empate, cunha parada a nivel de solo ante Emilly. Só Rafa Pato, no minuto 4, puido xerar perigo na portaría local, pero o seu disparo sacouno Bía. As locais continuaron encerrando ao Poio Pescamar na súa pista, acumulando chegada tras chegada. Amandinha mandou un balón ao poste no minuto 9 e, tres minutos máis tarde, non perdoou e subiu o 1-0 ao marcador. As locais seguiron insistindo e rozaron o segundo tanto con varios intentos de Emilly, ante os que Elena, de novo moi inspirada, respondeu con solvencia para mandar o partido ao descanso cun esperanzador 1-0 a pesar da clara inferioridade das súas compañeiras. O Poio Pescamar pareceu mellorar no arranque do segundo tempo e mesmo tivo o empate nas botas de Chuli, cuxo disparo se estrelou na madeira. Pero cando parecía que as conserveiras crecían no encontro, o Melilla volveu apertar. Primeiro Emilly estrelou o balón contra o traveseiro, e pouco despois Ana Luiza asinou o 2-0, aproveitando un rexeite tras unha primeira parada de Elena. Acto seguido, o pau volveu salvar ás visitantes ante outro chute da brasileira. Buscando unha reacción, o técnico Luís López-Tulla apostou por dar entrada a Débora como porteira-xogadora. Con todo, a estratexia saíu cruz e Amandinha, ao instante, aproveitou a portaría buxán para marcar desde o seu propio campo o 3-0, deixando moi tocado ao Poio. Pese ao tempo morto solicitado polo adestrador vermello a falta de pouco máis de seis minutos, o equipo non puido frear a avalancha final dun Melilla que terminou goleando. Ampliou a vantaxe cun penalti transformado por Emilly (4-0); Bía, desde a súa propia portaría, fixo o 5-0, e a ex vermella Laura Uña, a dous segundos do final, pechou a goleada co 6-0 definitivo. Consulta a acta neste enlace