A Sociedad Deportiva Teucro logrou frear a súa mala serie e deixar atrás as dúas derrotas consecutivas cun valioso empate (30-30) ante o Balonmano Ingenio, terceiro na táboa. O partido marcou o debut de Moncho Pazos como adestrador do primeiro equipo tras a dimisión de Irene Vilaboa. O conxunto azul comezou moi metido no partido e en apenas seis minutos colocouse cun parcial de 5-2. Pero como é habitual, a alegría durou pouco na parroquia lerezana e o equipo canario respondeu cun novo 0-3 que devolveu o empate ao marcador. O Teucro recuperou a iniciativa co acerto de Gonçalo Areias e de Iago Pérez, que colocaron un novo +2 a favor do equipo local, pero co paso dos minutos os pontevedreses fóronse atascando en ataque, e o Ingenio, máis eficaz, conseguiu darlle a volta ao resultado e marcharse ao descanso cun 15-18. Á volta de vestiarios, o equipo dirixido por Pazos saíu con outra actitude e endosou un parcial de 3-0 da man de Rhuan, Iago Pérez e Dani Pintus, que devolveu as táboas (18-18). Desde ese momento, o partido converteuse nun constante intercambio de golpes, con ambos os equipos respondendo a cada ataque rival sen que ningún lograse abrir brecha. Á altura do minuto 40, o marcador mostraba un 24-24 que reflectía á igualdade sobre a pista. Vinicius foise dous minutos ao banco, pero a pesar da superioridade numérica, o Teucro non conseguiu ningunha vantaxe. O Ingenio, en cambio, volveu colocarse por diante (24-26), pero os pontevedreses non se renderon e empataron de novo (29-29) no minuto 55, levando o partido a un desenlace de alta tensión. Nos últimos minutos, as defensas impuxéronse aos ataques e os erros pagáronse caros. Armando Santana adiantou aos visitantes co 29-30, pero Iago Rivas igualou sobre o minuto 59 para asinar o 30-30 definitivo. Ambos os equipos tiveron unha última oportunidade, pero ningún conseguiu romper a igualdade nun peche de infarto. Con este empate, o Teucro mantén a cuarta praza con 17 puntos, dous menos que o Ingenio, e pon fin á súa fochanca de resultados. Consulta as estatísticas neste enlace [galleries:vertical:10919]