O Cisne derrúbase ante o Blendio Sinfín e encaixa a súa terceira derrota consecutiva

Wait 5 sec.

O Club Cisne Balonmano volveu deixar escapar un partido que empezara controlando e encaixou unha nova derrota, esta vez fronte a un rival directo como o Blendio Sinfín de Santander, por 28-34. O conxunto pontevedrés, que suma xa tres tropezos consecutivos, foi de máis a menos e acabou pagando os seus erros nun encontro que se lle fixo demasiado longo. Os brancos ofreceron unha moi boa versión en defensa e moita fluidez ofensiva durante o inicio do encontro até asinar un parcial de 7-3. O dominio local mantívose durante boa parte do primeiro acto, resistindo os intentos do Sinfín por achegarse no marcador. O cadro cántabro chegou a recortar distancias situándose dúas tantos abaixo (10-8, minuto 20), pero as dianas de Manu Lorenzo e Iago Costas devolveron a tranquilidade aos brancos cun 15-10 prometedor. Con todo, nos minutos finais da primeira parte, os brancos empezaron a acumular perdas de balón e erros en defensa que permitiron ao Sinfín reaccionar e marcharse ao descanso cun axustado 17-16. Tras o paso polos vestiarios, Federico Saud igualou o choque co 17-17 ao que o Cisne respondeu cun dobrete de Álex López que devolvía a iniciativa aos seus (19-17). Pero a alegría durou pouco. A partir do minuto 36 chegou outro baixón que cambiou por completo o rumbo do partido: un parcial de 0-4 do Sinfín volteou o marcador (20-22) e deixou moi tocado ao equipo pontevedrés. Co resultado a favor, o conxunto cántabro atopouse cómodo e comezou a manexar os tempos do encontro. O Cisne, sen ideas e precipitado en ataque, non conseguiu reaccionar e viu como o seu rival metía a directa e alcanzaba un colchón de seis goles (21-27) que practicamente sentenciaba o choque. Nos minutos finais, os de Quiños tentaron recortar diferenzas para maquillar o resultado, pero o rival controlou a vantaxe até pechar o encontro co 28-34 final. Consulta as estatísticas neste enlace [galleries:vertical:10920]