Os traballos para a mellora do firme e a ampliación da rede de recollida de augas pluviais na rúa Ucha de Arriba, na parroquia de San Xoán, xa están rematados. Así o anunciou o alcalde de Poio, Ángel Moldes, tras comprobar o resultado da actuación, que contou cun investimento de preto de 60.000 euros. A maiores, tamén se acondicionou un dos ramais, a petición da veciñanza do lugar, para mellorar o acceso a unha fonte e lavadoiro. A actuación financiouse a través do plan Camiño Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e permite solucionar o importante deterioro que presentaba este vial. Este camiño está situado entre vivendas unifamiliares e terreos anexos, cunha pendente moi pronunciada e carente dunha rede de drenaxe que provocaba arrastres e inundacións en días de choiva intensa. As obras incluíron a rehabilitación completa do firme, mediante a aplicación dunha capa media de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente, aproveitando ao máximo o espazo dispoñible entre muros. No que respecta ao sistema de drenaxe e recollida de auga, instalouse unha nova rede de pluviais con 110 metros lineais de tubaxe de PVC, tres pozos de rexistro e cinco arquetas de sumidoiros. Moldes sinala que con esta obra o goberno local reafirma a súa aposta pola mellora da rede de camiños municipais, cun programa que está chegando a todas as parroquias.