O pleno demanda á Xunta obras para evitar as inundacións no CEIP A Xunqueira I

Wait 5 sec.

O pleno municipal ordinario de Pontevedra celebrado este luns 15 de decembro levou a debate a xestión da soidade non desexada, as inundacións no CEIP Xunqueira I e o desenvolvemento da vía Vvrde, ademais de producirse referencias sobre temas de actualidade xeral como os casos de acoso sexual dentro do PSOE. O Partido Popular presentaba unha moción para a posta en marcha dun plan estratéxico para evitar a soidade non desexada. A voceira do PP, Silvia Junco, defendeu a proposta, destacando que "mellorar a vida de persoas que viven soas" en tramos de avanzada idade é unha prioridade ante o envellecemento da poboación. Junco fixo fincapé na necesidade de "detectar a soidade non desexada" e fomentar a participación social, propoñendo a adhesión ao programa "Xantar na casa" da Xunta de Galicia. Ademais, criticou a emenda presentada polo PSOE, acusándoos de "non ter lido a moción ou de buscar un pero para non apoiala". Pola súa banda, Marcos Rey Pazos (PSOE) recoñeceu a "boa intención" da moción do PP, pero defendeu a emenda socialista argumentando que a soidade non desexada "afecta a outras persoas máis alá de persoas maiores", incluíndo franxas de idade como a de 16 a 24 anos, persoas con discapacidade ou en situación de desemprego. O punto máis polémico da súa intervención foi a rexeitamento á adhesión ao programa "Xantar na casa", xa que, segundo Rey, "non é unha mellora", pois entrega a comida unha vez á semana para toda a semana, fronte á entrega diaria que se fai noutros concellos como Avilés. Anabel Gulías, concelleira do BNG responsable de Benestar Social, mostrouse dacordo coa proposta do PP e coa exposición de motivos, lembrando as iniciativas xa en marcha polo Concello, como "Fogares Solidarios" ou diversas actividades de participación social. Non obstante, aproveitou para lanzar unha crítica á Xunta de Galicia, que "tardou seis anos en poñer en marcha o programa da Soidade non desexada". Na segunda quenda de intervencións, Silvia Junco reiterou que a emenda do PSOE "desvirtúa la moción" e "plantea otra moción" distinta, e lamentou que Pontevedra estea entre as últimas cidades galegas en investimento social por habitante. Anabel Gulías defendeu a xestión municipal, destacando o "incremento de persoal e de recursos" no servizo de Benestar, e instou o PP a "falar coas traballadoras do SAF" antes de "ensalzar a xestión da Xunta". A pesar do intenso debate e as críticas cruzadas, a moción foi finalmente aprobada por unanimidade. SOLUCIÓNS PARA O CEIP A XUNQUEIRA I Outro dos puntos que xerou máis debate foi a moción do PSOE en relación á demanda á Xunta de Galicia para acomter a reforma do patio, pavillón e comedor do Ceip A Xunqueira I, un centro que sofre constantes inundacións. Iván Puentes (PSOE) denunciou que a ANPA tivo que "chamar aos medios para que se atendan as súas demandas" e criticou a "reacción do PP cun vídeo con música moderna" en TikTok ante a situación. Puentes acusou á Xunta de Galicia de non ter feito nada desde 2024, cando xa se constataran as deficiencias, e acusou o PP de "marear" e "parir teorías" para "librar á Xunta de Galicia das obras que deben facer". Demetrio Gómez (BNG), concelleiro de Educación, explicou que o centro, inaugurado en 1974, está por debaixo da capa freática, o que provoca asolagamentos con chuvias potentes. Gómez defendeu que as competencias para unha "obra estrutural" como a necesaria no Xunqueira I corresponden á Xunta de Galicia, citando como exemplo o caso do colexio Froebel, onde "durante 15 anos as crianzas estiveron en malas condicións" por unha negativa similar. Aroa Otero (PP) argumentou que as inundacións non son un problema exclusivo da Xunta, senón que afectan tamén a zonas municipais próximas debido a un mal funcionamento dos sumidoiros. Otero acusou ao PSOE de "esquecerse das competencias municipais" e de "botar a responsabilidade a outra administración" cando o Concello non cumpre co mantemento das canalizacións. No quenda de réplicas, Iván Puentes agradeceu o "cambio de postura" do PP, que finalmente anunciou o seu voto a favor da moción do PSOE, aceptando que en dous dos puntos da moción era responsabilidade do goberno galego, e reiterou que a competencia para o plan de inundacións na zona dos colexios é "absolutamente autonómica". Demetrio Gómez lembrou que o Concello xa investiu uns 20.000 euros no centro e sinalou que os terreos "están na liña de Costas, competencia da Xunta de Galicia". A moción foi finalmente aprobada por unanimidade. ESCOLA TALLER DE MONTE PORREIRO A moción do PP para a recuperación da escola taller de Monte Porreiro tamén provocou debate. Silvia Crespo Tobío (PP) lamentou o "limbo de promesas y excusas" para ese espazo e propuxo definir usos nun prazo de 90 días e acelerar trámites de urbanización. Iván Puentes (PSOE) anunciou o voto favorable do seu grupo, aínda que criticou que, pola contra, o PP "sempre vota en contra dos orzamentos". Non obstante, Alberto Oubiña (BNG), concelleiro da área, cualificou a proposta de "bastante triste" e "cheo de esixencias e apuros para ensombrecer os investimentos que se están a levar a cabo" no barrio, onde se prevén investir máis de 12 millóns de euros. Oubiña explicou que o edificio da escola taller está construído sobre unha zona verde, o que impide "cambios de volume nin consolidacións integrais" sen modificar o planeamento. Por iso, propuxo que o PP retirase a moción e encargase un estudo de viabilidade, cualificando a proposta popular de "inexecutable" e "populismo". Ante a negativa, o BNG optou pola abstención, unha decisión que Crespo Tobío cualificou como "la forma elegante de dejar la Escuela Taller tal y como está". A moción foi aprobada por maioría, cos votos a favor do PP e do PSOE e a abstención do BNG. VÍA VERDE ENTRE PORTAS E PONTEVEDRA Finalmente, a moción do PSOE para impulsar a vía verde entre Vilagarcía e Vigo centrándose na prolongación ata Pontevedra da Vía Verde do Salnés (tramo Portas - Caldas de Reis - Barro - Pontevedra) e ata Arcade tivo un debate igualmente tenso. Iván Puentes (PSOE) defendeu a iniciativa como un "reclamo turístico" e lembrou os avances xa realizados. César Mosquera (BNG) mostrouse escéptico sobre a viabilidade do proxecto no seu conxunto, apuntando a "dificultades" como a integración da ponte de Monte Porreiro e a posible duplicidade co Camiño de Santiago, aínda que anunciou o voto favorable do BNG para "impulsar e seguir avanzando". Rafa Domínguez (PP), portavoz municipal, non dubidou en cualificar ao PSOE e ao BNG de "incompetentes" por non ter executado un proxecto que, segundo el, xa tiña "unha memoria valorada en 2 millóns de euros con fondos europeos". O PP tamén se abstivo, argumentando un "compromiso absoluto de la Deputación con la vía verde" pero criticando que a proposta do PSOE "no encaja". A resposta de Iván Puentes foi contundente, acusando a Domínguez de "piruetas argumentativas" e de "servir de escudos humanos de Alfonso Rueda". A moción foi finalmente aprobada por maioría, con 13 votos a favor e 10 abstencións do PP. Rafa Domínguez e Miguel Anxo Fernández Lores durante o plenoPontevedraViva CASOS DE ACOSO NO PSOE Durante o debate sobre a vía verde, Rafa Domínguez (PP) lanzou un comentario sarcástico ao BNG en relación coa asistencia do alcalde Lores a un acto cívico no ámbito relixioso como foi o evento de inicio do Ano Xubilar: "Lores ha ido a un acto civil para conmemorar los cien años de la aparición de la Virgen, me alegro. Yo estoy encantado de que el señor Lores vaya a actos. Debería ir a más". César Mosquera respondeu a esta chiscadela: "Ao señor Domínguez molestouelle que a inauguración do ano xubilar fose civil. Fale con quen o organizou, que non fomos nós". O enfrontamento máis tenso produciuse cara ao final cando Rafa Domínguez mencionou os casos de acoso sexual nas filas do PSOE que, entre outras situacións, provocou a dimisión do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. Iván Puentes non dubidou en responder con contundencia: "Vostede lle saca a Sor Lucía a vontade de facer milagros. Sabe onde está a agrupación socialista do PSOE está a favor das vítimas, en contra dos acosadores, xa sean socialistas ou da ideoloxía que sexa. Exercicio transparente dos actos vexatorios contra as mulleres. Saben onde non estamos? Onde están vostedes. Todos os militantes socialistas acusados están expulsados. Ten aí ao lado á senadora Pepa Pardo, cun senador de Ourense, que está demostrado xudicialmente que ofreceu sexo a unha muller para enchufala na Deputación de Ourense". O socialista tamén fixo referencia ao ex conselleiro do Mar, Alfonso Villares, investigado por unha agresión sexual "Estamos doídos, frustrados e con desazón por todo o que se ten producido. O machismo existe entre todas as ideoloxías. Reclamamos máis contundencia e máis accións dentro do PSOE. Aí vainos atopar sempre", concluía o portavoz socialista. Raquel Martínez, concelleira do PP, vendo un libro en 3D de Pontevedra antes do inicio do plenoPontevedraViva