Luís Davila e a súa retranca ilustran o calendario 2026 de Soutomaior

Wait 5 sec.

O calendario para o ano 2026 do Concello de Soutomaior contará coas recoñecidas ilustracións do debuxante Luís Davila, popularmente coñecido polo seu traballo "O bichero" no xornal Faro de Vigo. Máis de 3.500 exemplares deste almanaque, que inclúe unha selección de obras do artista e unha lámina exclusiva creada para o municipio, comezarán a distribuírse esta mesma semana. A distribución, que busca que os calendarios cheguen a todas as casas do concello xunto cunha lámina adicada a Davila, contará coa colaboración dos Reis Magos, Papá Noel e o Apalpador. O calendario é unha escolma das creacións de Davila, destacando ademais unha ilustración feita especificamente para Soutomaior, que fai un guiño á importancia de "mover os marcos" na nosa terra e na que aparece tamén a ría de Vigo. Cada mes do ano estará adicado a eventos e realidades propias do concello, como o feminismo en marzo, a Festa da Ostra en abril, a Semana Grande en agosto ou a volta ao cole en setembro. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, expresou o seu agradecemento a Luís Davila pola cesión das súas obras e tamén valorou o "inxente traballo" das figuras do Nadal na distribución. Lourenzo destacou o calendario como "un especial agasallo de Nadal, unha fermosura que demostran a xenialidade deste artista". O rexedor confía en que este almanaque terá un valor que transcenderá o ano 2026, augurando que "seguro que recibiremos peticións para contar cun dos nosos calendarios de todos os puntos do país, estamos falando de Luis Davila un autor recoñecido, querido e moi admirado entre a poboación". A iniciativa enmárcase na programación "Un Nadal para Vivir en Soutomaior", que se iniciou o 6 de decembro e se estenderá ata o 10 de xaneiro con multitude de actividades para todas as idades. Esta semana, a programación inclúe a visita do Grinch e do Apalpador, o Mercado de Nadal, tren de Nadal e tardeo musical.