Vilagarcía prepara un novo plan asfaltados e un protocolo de emerxencias

Wait 5 sec.

O Concello de Vilagarcía deu por concluído o plan de asfaltados deste ano, cun investimento total de 344.000 euros, agás na rúa Marxiada, en Sobradelo, onde aínda se prevé renovar a rede de saneamento. Mentres tanto, xa está en preparación o plan de asfaltados para 2026, que contará cun orzamento de 550.000 euros, e que se licitará unha vez se adxudique a operación de préstamo actualmente en tramitación. O goberno local continúa así co seu programa de mantemento e renovación da extensa rede de comunicacións do municipio, desenvolvido de xeito gradual e en base ás peticións veciñais recollidas nas reunións periódicas do alcalde e o seu equipo coas asociacións, así como ás propostas dos técnicos municipais. O último plan, executado entre outubro e decembro, adxudicouse en dous lotes ás empresas Marconsa e Covsa, combinando actuacións en zonas rurais e urbanas. Entre as actuacións rurais destacan Fondo da Vila, Trabanca Sardiñeira, Fonte de Faxilde, Feal ou Fontecarmoa, mentres que nas urbanas renováronse rúas como San Andrés, Ramón Martínez ou as travesías da avenida de Rosalía de Castro. Ademais, melloráronse zonas de alta circulación, como a rúa Adolfo Pedrido, fronte ao complexo polideportivo de Fontecarmoa, e a rotonda do Cavadelo. Novidades no Plan de Emerxencias Municipal Paralelamente, a Xunta de Goberno Local aprobou a contratación da empresa Aeroguard Galicia & Emerxencias para elaborar un novo Plan de Emerxencias Municipal (PEMU), cun orzamento de 16.815 euros e un prazo de seis meses. Este plan substituirá ao vixente desde 1993, adaptándose aos cambios urbanos e sociais experimentados na cidade nos últimos anos. A empresa realizará un estudo exhaustivo das infraestruturas críticas, riscos potenciais (forestais, inundacións, transporte, industrias, etc.), poboación vulnerable e recursos dispoñibles. Para iso, desenvolverá unha cartografía completa do municipio e manterá encontros cos servizos municipais (Protección Civil, Policía Local, Obras, Medio Ambiente, Electricidade) e axentes externos como Espina&Delfín, Urbaser, Policía Nacional, Capitanía Marítima ou Consorcio de Bomberos. A partir deste traballo, Aeroguard Galicia & Emerxencias elaborará un inventario de recursos e unha estrutura organizativa de emerxencias, que culminará nun protocolo operativo que deberá ser aprobado polo pleno da Corporación e validado pola Xunta de Galicia, integrándose no Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA). O contrato inclúe tamén o deseño dun simulacro municipal. Ademais, o goberno local prevé contratar na primeira metade de 2026 varios Plans de Acción Municipais (PAM) para riscos concretos, como inundacións, incendios forestais e sinistros químicos. Estes documentos actuarán como complemento do PEMU, proporcionando protocolos detallados para responder de maneira eficiente ante situacións de emerxencia.