Axentes da Policía Local de Pontevedra detiveron na madrugada do venres, 6 de decembro, a un home de 43 anos que tiña en vigor unha orde xudicial de busca, detención e persoación, tras causar molestias nun establecemento hostaleiro. Segundo informou o Concello de Pontevedra, os feitos producíronse arredor das 04:45 horas, cando a central policial recibiu un aviso desde un café-bar no que se alertaba da presenza dun individuo que estaba a incomodar á propietaria do local. Unha vez no lugar, os axentes comprobaron que o home tentaba acceder ao interior do establecemento, mentres a responsable trataba de impedilo. Segundo explicou a dona do negocio, o local xa se atopaba pechado ao público e no seu interior permanecían unicamente algúns clientes finalizando as súas consumicións. A pesar de ser informado desta circunstancia en varias ocasións, o individuo mantivo unha actitude insistente e alterada. Ante a situación, os axentes procederon á identificación do home e, tras as comprobacións oportunas, confirmaron que sobre el pesaba unha requisitoria xudicial de detención e persoación emitida por un xulgado. Finalmente, o home foi detido e trasladado ás dependencias policiais, onde se instruíron as dilixencias correspondentes antes da súa posta a disposición xudicial.