O Colexio Internacional SEK Atlántico, con sede en Poio, programou unha nova visita ao Complexo Ambiental de Sogama en Cerceda para que, nesta ocasión, fosen os estudantes de 1º de Bacharelato os que tivesen a oportunidade de coñecer en primeira persoa a operativa desta empresa pública, onde chegan os residuos urbanos producidos por 295 concellos galegos, o 94% do total. O grupo, ao que os educadores desta empresa pública cualificaron de "marabilloso e altamente implicado", destacou tamén por estar "plenamente comprometido coa protección da contorna e a xestión sostible dos residuos". Con gran atención e interese, seguiron en todo momento as explicacións e instrucións do persoal técnico, participando nun percorrido virtual polas instalacións que conforman o Complexo cercedense e para o que foron equipados con lentes inmersivas 360º. A través deste itinerario, puideron ver a xestión que seguen as dúas fraccións de residuos que chegan a esta infraestrutura: por unha banda, a bolsa amarela, conformada por envases de pástico, latas e briks, materiais que son separados por tipoloxías para o seu posterior envío aos centros recicladores, e, por outro, a bolsa negra, ou fracción resto, da que se extraen aqueles refugallos potencialmente reciclables para ser remitidos á industria transformadora, acondicionando cos non reciclables un combustible CDR que é valorizado enexeticamente, con todas as garantías ambientais e de seguridade, nunha planta termoeléctrica para producir enerxía eléctrica renovable coa que pode abastecer ao 12% dos fogares galegos. Alumnado do Colexio SEK Atlántico de visita en SOGAMA SOGAMA Tamén se lles instruíu sobre a compostaxe industrial, contando Sogama con catro plantas públicas de biorresiduos en Galicia, unha delas en Vilanova de Arousa, onde a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través dos contedores marróns implantados en varios municipios da provincia ,transfórmase en compost (abono natural de alta calidade). A xornada amenizouse cunha sección lúdica na que lles chamou a atención o xogo arcade Trash&Furious, a través do cal comprobaron as súas habilidades na selección de residuos e os seus coñecementos respecto dos contedores nos que debían depositarse distintos residuos que, progresivamente, ían saíndo en pantalla. A visita concluíu cun coloquio, que foi aproveitado polo alumnado para realizar diversas preguntas (mecanismos de control de emisións nas instalacións, equipos de protección para os traballadores, etc), abrindo un debate sobre o contedor de destino de produtos fabricados con diferentes materiais e que acaban xerando gran confusión nos cidadáns