O Concello de Sanxenxo iniciou un axuste na planificación do servizo de Emerxencias co obxectivo de garantir a presenza de catro traballadores por quenda, mellorar a atención á cidadanía e optimizar o descanso do persoal. Segundo a información facilitada polo Goberno local, desde o pasado 3 de decembro, o Concello mantivo negociacións cos traballadores para adaptar o cuadrante de intervencións e gardas. Este anuncio chega dous días despois de que o PSOE denunciara que o servizo quedara sen persoal durante o día de Noiteboa. Aínda que o servizo conta actualmente con 17 profesionais, cinco máis dos esixidos pola normativa dos GES de Galicia, "as baixas, as vacacións, os días de libre disposición e as horas sindicais impiden que haxa un mínimo de 3 traballadores en cada garda como a propia representación sindical solicitou en reiteradas ocasións". Segundo os datos históricos das intervencións rexistradas nos últimos cinco anos, a nova planificación contempla gardas de 16 horas (de 7 a 23 horas) con catro traballadores nos períodos do ano con menor demanda de emerxencias. Ademais, durante a noite (de 23 a 7 horas), que concentra apenas o 3 % da demanda, a cobertura será asumida polo parque de bombeiros de Ribadumia, que xa presta apoio a Sanxenxo de maneira habitual. Nos períodos de maior actividade, como do 1 de xuño ao 3 de outubro, Nadal, Semana Santa, Entroido e pontes festivas, manteranse as gardas de 24 horas con catro traballadores. O Concello tamén ofreceu aos traballadores a posibilidade de cubrir quendas adicionais de 24 horas cun pago de 495 euros, proposta que foi rexeitada. Pola súa banda, os empregados propuxeron un incremento salarial de 3.000 euros ao ano e a cobertura de nove gardas, sen especificar a retribución de cada quenda extra. A negociación pechouse este mediodía sen acordo. O goberno local lembra algunhas das condicións laborais vixentes no servizo, que na súa maioría mantéñense como é que os profesionais traballan un máximo de 67 días ao ano en gardas de 24 horas, dispondo de 298 días libres. Ademais, despois de cada garda correspóndenlles tres días de descanso, e tras tres gardas acumulan sete días libres. Segundo a antigüidade, cada traballador conta anualmente con entre seis e 13 días para asuntos propios, ademais de permisos por citas médicas ou intervencións de familiares até segundo grao. O Concello asegura que a nova organización permitirá combinar un descanso óptimo para os traballadores cunha maior calidade na cobertura de emerxencias para os veciños. A planificación entrará en vigor a mediados de xaneiro.