Sanidade fala de "tendencia decrecente" no pico da gripe

Wait 5 sec.

"Tendencia decrecente". É o balance que realiza a Consellería de Sanidade, na súa páxina web, sobre a situación do pico da gripe en Galicia esta semana. O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 15 ao 21 de decembro sinala que a actividade gripal en Galicia continúa "con intensidade media" e con esa "tendencia decrecente". Segundo os datos recollidos polo servizo de vixilancia epidemiolóxica da Dirección Xeral de Saúde Pública, xa se acadou o pico da onda epidémica da gripe e rexístrase un descenso na taxa de consultas en atención primaria dun 5 %. O grupo coa maior taxa de consultas continúa a ser o de 0 a 4 anos (250,3 consultas por 100.000 habitantes), seguido do de 5 a 19 anos, con 155,4 consultas por 100.000 habitantes. En canto aos ingresos hospitalarios, na última semana ingresaron 339 persoas con gripe confirmada en Galicia, un 12,6 % menos que a semana anterior (387 ingresos). O descenso da taxa de ingresos observouse en todos os grupos de idade, sendo moi significativo no grupo de 0 a 4 anos (77,7 %). O grupo de 80 e máis anos representa a taxa de ingresos máis elevada, se ben, esta diminuíu un 50 % en relación coa semana anterior. Por áreas sanitarias, a taxa de ingresos baixou en todas elas agás na de Santiago de Compostela, onde permaneceu estable, e na de Ourense, onde aumentou un 25,3 %. No que vai de temporada da gripe notificáronse 2.426 ingresos, a maioría deles con virus tipo A. Ademais, na última semana as taxas de dispensa de antigripais e de probas de antíxenos nas farmacias descenderon un 9,6 % e un 5,1 %, respectivamente. Malia tendencia decrecente, recoméndase o uso da máscara aínda que non se teñan síntomas cando se acude a centros de saúde, aos puntos de atención continuada e ás urxencias hospitalarias. En canto ao resto de estancias dos hospitais, a recomendación do uso da máscara mantense nos servizos que atendan pacientes vulnerables, como son as unidades de coidados intensivos e pacientes críticos, unidades de reanimación, de pacientes transplantados, oncolóxicos e hematolóxicos, unidades de diálise e hospitais de día.