O último pleno do ano na Deputación de Pontevedra deixou este venres unha das intervencións máis duras do portavoz do BNG, César Mosquera, que cualificou de "despendole bíblico" a xestión do goberno provincial do PP nos proxectos de Santa Clara e dos edificios históricos do Museo de Pontevedra. Segundo o nacionalista, a realidade administrativa desminte as promesas de urxencia e premura que o executivo provincial vén proclamando nos últimos meses. Mosquera advertiu de que, a día de hoxe, a Deputación aínda non solicitou ao Concello a licenza necesaria para iniciar as escavacións arqueolóxicas no convento de Santa Clara. Ese trámite, segundo lembrou, podería terse pedido xa no mes de xullo, mesmo antes de que o contrato fose adxudicado o pasado 5 de outubro. "Hai 20 minutos non estaba pedida a licenza no Concello, e aínda non a pediron hoxe", subliñou desde o seu escano. O portavoz do BNG tamén puxo o foco nos edificios centrais do Museo, na Praza da Leña. Afeou ao presidente da Deputación, Luís López, ter asegurado publicamente que estaban á espera da autorización de Patrimonio cando, segundo Mosquera, ese visto bo chegou á institución provincial a mediados deste mesmo mes. "Din que están niso, que van facer as obras con urxencia, pero a realidade desdí todo", afirmou. Para o nacionalista, estas contradicións amosan unha falta de coordinación interna preocupante. "O despendole debe ser bíblico, porque nin sequera o presidente sabe o que está a pasar, ou non llo comunican", dixo, asegurando que a paralización afecta a todo o proxecto de Santa Clara. Entre outros exemplos, lembrou o compromiso do Concello para crear unha entrada desde Barcelos que conectase a praza cos terreos do convento, unha actuación que segue bloqueada, igual que a posible entrada pola rúa Santa Clara a través da finca do Arcebispado, dous anos e medio despois da chegada do PP ao goberno provincial. Luis López durante o Pleno Deputación de Pontevedra O presidente da Deputación foi o encargado de responder ao voceiro nacionalista durante o pleno, no que defendeu o procedemento administrativo seguido ante a Dirección Xeral de Patrimonio para poder realizar as catas arqueolóxicas. Luis López repasou un por un os pasos dados na tramitación e asegurou que o proceso é ben coñecido polo propio Mosquera. "Iso coñéceo vostede á perfección", afirmou, para engadir que "seguimos todos os pasos administrativos, polo tanto non confundamos á xente", en resposta ás críticas sobre a suposta falta de licenza. O responsable da institución provincial explicou que, unha vez se dispoña do informe favorable de Patrimonio, solicitarase a correspondente licenza ao Concello de Pontevedra. Nese punto, advertiu, o goberno municipal terá que decidir "se 2026 é o ano da concesión da licenza para Santa Clara ou o da non concesión". López non perdeu a ocasión de lanzar unha mensaxe irónica, ao expresar o seu desexo de que o proceso avance a un ritmo máis áxil que "o amodiño" que, segundo el, marcou a xestión do BNG cando gobernaba en relación a Santa Clara. Na súa réplica, César Mosquera instou ao presidente da Deputación a informarse mellor sobre a situación actual das escavacións arqueolóxicas. "Pregunte que está pasando, porque me parece que lle falta información relevante", sinalou, para concluír que o problema "non ten nada que ver cos trámites, senón con outras cousas".