O Concello de Cuntis deu un novo paso para asegurar a continuidade e a calidade do Servizo de Atención Temperá, un recurso fundamental para o desenvolvemento infantil temperán na comarca. A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do contrato administrativo que permitirá seguir prestando este servizo esencial a nenos de Cuntis, Barro, Caldas de Reis, Moraña, Portas e Catoira. O contrato adxudicarase mediante procedemento aberto, conforme á Lei de Contratos do Sector Público, e estará sometido a regulación harmonizada ao superar un valor estimado de 1.022.678 euros. O anuncio da licitación será publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), tal e como marca a normativa vixente. Ademais deste investimento, o servizo conta coa achega dos concellos agrupados para o mantemento do local, situado no polígono da Ran, onde se desenvolve a atención especializada. O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, destacou a relevancia dun servizo que cumpre xa o seu sétimo ano de funcionamento. É un servizo "irrenunciable", dixo "porque ofrece unha atención especializada e fundamental á poboación infantil da comarca con alteracións no desenvolvemento ou risco de padecelas", subliñou. Campos incidiu tamén no seu papel como garantía de integración social para menores de entre 0 e 6 anos, así como no apoio que supón para as súas familias. Actualmente, cinco profesionais especializados en áreas como psicopedagoxía, logopedia e fisioterapia atenden cada semana a unha media de 60 persoas usuarias procedentes do seis municipios implicados. A xestión do servizo recae no Concello de Cuntis, que asume tanto o mantemento das instalacións como a xestión do persoal, a tramitación administrativa e a contratación das actividades necesarias. Neste contexto, o rexedor puxo en valor o compromiso conxunto dos municipios para manter no tempo un recurso que permite detectar e atender de forma temperá as necesidades, tanto transitorias como permanentes, dos menores da comarca. O proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia, a través da área de Política Social, pola Unión Europea mediante o Fondo Social Plus 2025-2027 e polos propios concellos participantes, reforzando así unha aposta compartida pola atención temperá e o benestar infantil.