Os orzamentos provinciais de 2026 entrarán en vigor o 1 de xaneiro

Wait 5 sec.

Este 26 de decembro, como cada último venres de mes, a Deputación de Pontevedra celebrou o pleno ordinario da Corporación provincial, no que se aprobou de maneira definitiva o orzamento para o próximo ano 2026. As novas contas supoñen un incremento do 13,6 % con respecto ao exercicio anterior, o que se traduce en 29 millóns de euros máis. Do mesmo xeito que na votación inicial do pasado mes de novembro, o orzamento saíu adiante cos votos favorables do Partido Popular, mentres que PSOE e BNG votaron en contra. O presidente da Deputación, Luís López, puxo en valor a situación política do organismo provincial e subliñou que estes orzamentos "por terceiro ano consecutivo, grazas á estabilidade política que hai na Deputación, van entrar en vigor o día 1 de xaneiro de 2026". Outro dos puntos destacados do pleno foi a aprobación das bases reguladoras do Plan Mais Provincia 2026, que contou co respaldo do PP e do BNG. O programa estará dotado con 50 millóns de euros e permitirá financiar obras e servizos de competencia municipal nos 59 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes, unha iniciativa que o presidente cualificou como "importantísima e transcendental para os concellos". A sesión tamén serviu para aprobar por unanimidade as adhesions da Deputación á Rede Europea de Rexións polo Turismo Sostible e Competitivo (NECSTour) e á Spain Convention Bureau, "reforzando así o compromiso provincial co turismo de calidade", segundo destacaron desde o Goberno provincial. En materia de infraestruturas, o pleno deu luz verde a varios proxectos relevantes, entre eles a mellora da mobilidade peonil na estrada EP-2203, entre Baiona e Lourenzá, e a construción do viario de Mollavao, unha nova estrada que conectará a Avenida de Marín coa rúa Rosalía de Castro, en Pontevedra. O apartado político estivo marcado polo debate de tres mocións. A proposta do Partido Popular, apoiada polo BNG, saíu adiante para instar o Goberno de España a paralizar a subida das peaxes da autoestrada AP-9 en 2026 e avanzar cara á súa "inmediata liberación". Pola súa banda, o PSOE, co apoio do BNG e grazas á abstención do PP, logrou aprobar unha moción para reclamar á Xunta de Galicia melloras na xestión do transporte metropolitano no sur da provincia, atendendo as queixas dos usuarios. Con todo, a segunda iniciativa socialista, centrada en esixir á Xunta garantías para os dereitos do alumnado con diversidade funcional e os recursos de atención á diversidade na educación pública, foi rexeitada polo voto en contra do grupo maioritario do Partido Popular.