O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil investiga polos delitos de malos tratos animais ao dono de tres cans e á súa parella, que exercía de coidadora. Os feitos polos que agora están ambos investigados ocorreron o pasado 9 de xuño na parroquia pontevedresa de Mourente. Aquel día, o propietario dos cans comprometérase a entregalos á protectora Os Palleiros porque non podía atendelos, pero chamou á Garda Civil alertando que alguén os envelenara. Axentes do Seprona acudiron ao lugar no que estaban os cans en compañía de persoal da protectora, dunha veterinaria colaboradora, do propietario e da súa parella. Ao chegar, atoparon un can morto e outro con diversos síntomas como espasmos, convulsións e vómitos. Había un terceiro en aparencia ileso. O can morto presentaba un rigor mortis avanzado nun día especialmente caloroso e os axentes do Seprona percibiron incoherencias no relato do propietario. Así, por exemplo, o cadáver non tiña o rictus definido como 'risa sardónica', que sempre está presente nos cans envelenados, e tampouco había outros indicios moi comúns nestes casos como saliva espumosa ou sanguinolenta ou vómitos. Intervención do Seprona da Garda Civil en MourenteGuardia Civil de Pontevedra Aos axentes chamoulles a atención que tanto o can morto como o que tiña síntomas estaban mollados con abundante auga. Ademais, o colector metálico que facía as veces de caseta de apeiros e refuxio dos animais limpárase recentemente. Estaba mollado e fregado. Tanto o cadáver do can morto como as probas recollidas no lugar foron derivados ao laboratorio do Hospital Veterinario Universitario ROF CODINA en Lugo, para o seu estudo. O can especializado en detección de velenos do grupo cinolóxico da Garda Civil e os axentes do Seprona reconstruíron co dono e a coidadora dos animais o itinerario que dicían realizar ese día en busca de posibles cebos envelenados, pero non atoparon nada. Tampouco no recinto onde se atopaban os cans. Finalizadas todas as investigacións, concluíron que o can morto e o que tiña síntomas non tiñan ningún tóxico no seu corpo. A necropsia non pudo determinar os detalles exactos da causa da morte, pero as investigacións realizadas chegaron á hipótese de que a morte do can produciuse por un golpe de calor por estar encerrados no interior do colector. Ese día había temperaturas superiores a 30 graos. Tambén o informe veterinario do can con síntomas apunta a un golpe de calor como causa principal. Este venres, 26 de decembro, medio ano despois, dáse por terminada a investigación policial e a Garda Civil remite as dilixencias ao Tribunal de Instrución de Garda de Pontevedra e á Fiscalía. O propietario dos animais cedeu os cans á protectora, o can ileso para adopción e o enfermo para ser debidamente atendido.