Pontevedra fai cola polo "bicho"

Wait 5 sec.

Na Boa Vila, a mañá do 24 de decembro non se mide en horas, senón en colas. Mentres uns corren polo mercado de abastos en busca do marisco máis fresco e outros súan frío pensando no agasallo esquecido, hai un fenómeno que se repite puntualmente cada Noiteboa como son as interminables ringleiras de persoas agardando fronte ás pastelarías artesanais. Este ano, as máis comentadas, e fotografadas, foron as das Confiterías Solla e Capri, onde a paciencia se mestura co aroma a améndoa e xema. En Solla, na rúa Michelena 7, o tempo parece que se detivo… salvo para a cola, que avanzaba con parsimonia do Nadal desde primeira hora. Alí seguen fieis á tradición, elaborando polvoróns, mazapáns, pan de Cádiz e a súa xoia da coroa o famoso Culebrón. Un doce que conquista xeracións enteiras de pontevedreses con receitas de toda a vida e materias primas de primeira. En Capri, a este dragón de mazapán chámanlle directamente "o bicho". E coma se fose Cristiano Ronaldo nos seus mellores anos, ten unha lexión de fans dispostos a esperar por el o que faga falta. Bizcoito, améndoa, xema e tocinillo forman a aliñación titular, aínda que cada confitería garda o seu toque segredo, ese que provoca debates familiares sobre cal é "o auténtico". A maioría dos clientes xa tiñan os seus doces encargados, porque en Pontevedra a improvisación ten límites, e un deles é quedar sen sobremesa en Noiteboa. Clientes facendo cola para acceder á Confeitaría Capri PontevedraViva A tradición manda que o bicho se ataque na sobremesa do día 24, aínda que como sempre se compra de máis, algún anaco sobrevive até Nadal. Iso si, por pouco tempo pois no horizonte xa asoma outro protagonista inevitable, o Roscón de Reis, que segue lucindo froitas escarchadas, pero cada vez comparte máis vitrina con versións recheas de chocolate ou crema. Porque se algo queda claro nestas datas é que a dieta… empeza na metade de xaneiro.