A busca de novos pilotos xa comezou. O programa Máis Talento Motor, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Federación Galega de Automobilismo deu este martes a sinal de saída á súa terceira edición. Esta iniciativa dará a oportunidade a un piloto pontevedrés de competir na tempada 2025 na Sandero Eco Cup Galicia, tal e coma sucedeu no anterior curso con Roi Rodríguez, un deportista de Pazos de Borbén. Esta selección estará limitada a participantes de entre 18 e 24 anos censados en calquera dos concellos de Pontevedra. Serán, en principio, 30 aspirantes. O prazo de inscrición estará aberto ata o 16 de xaneiro, ás 12:00 horas da mañá. O proceso de selección terá lugar o día 18 de xaneiro no circuíto de A Madalena, en Forcarei, do que sairá o vencedor desta terceira edición de Máis Talento Motor. O gañador participará, como mínimo, en cinco probas desta Sandero Eco Cup Galicia, entre elas o Rallye do Cocido, o Rallye de Pontevedra e o Rallye Sur do Condado. "O motor ruxe con máis forza ca nunca na provincia do deporte", destacou o presidente provincial, Luis López, na presentación desta iniciativa. Subliñou que con este programa, ademais de buscar novas promesas para o automobilismo galego, "damos proxección ao motor, oportunidades ao talento mozo e compromiso co medio ambiente cun coche ecolóxico". Presentación da terceira edición do programa Máis Talento MotorDeputación de Pontevedra