Apenas tres días despois de eliminar o Futsi Atlético Navalcarnero nos oitavos de final da Copa da Raíña cunha remontada épica, o Poio Pescamar viuse completamente superado en liga polo conxunto madrileño, que asinou a súa vinganza cunha contundente goleada (3-8). O equipo conserveiro non foi nin a sombra do que mostrou entre semana e atopouse falto de ideas, inseguro en defensa e sen reacción ante un rival moito máis eficaz e agresivo. Desde o arranque, as vermellas sufriron o empuxe visitante. Só as intervencións de Elena evitaron que o marcador se abrise antes, con varias paradas de mérito ante Ari e Laura Córdoba. Pero tanto foi o cántaro á fonte, que ao final terminou rompéndose. Era o minuto 8 e o asedio madrileño atopou o premio nunha xogada de estratexia culminada por Laura Córdoba, que rematou de cabeza ao fondo da rede. O Futsi seguiu apertando e xerando ocasións, pero a porteira local seguiu firme e mantivo vivo a un Poio Pescamar incapaz de atopar respostas en ataque. Ante esa situación, Luís López-Tulla apostou con Débora como porteira-xogadora e o equipo conseguiu por fin dar un paso adiante e atopar o tanto do empate ao fío do descanso nun saque de banda de Ale de Paz, Carolina Pedreira rematou, o balón rebotó nunha defensa e Martita aproveitou o rexeite para establecer o 1-1. A igualdade, con todo, durou o que tardou o Futsi en tocar o balón tras o descanso. Apenas transcorreran seis segundos cando Ari sorprendeu desde o seu propio campo e colocou de novo ás madrileñas por diante. A capitá Ale de Paz devolveu a esperanza cunha magnífica acción individual que converteu no 2-2, pero foi un espellismo e o Poio Pescamar entrou nunha espiral de erros que lle resultou letal. Primeiro, un fallo garrafal na execución dunha falta permitiu a Laura Córdoba roubar o balón e deixar en bandexa o 2-3 a Marian. Apenas uns segundos despois, Luchi roubou a carteira a Carolina Pedreira e non perdoou, transformando o 2-4. A partir de aí, o equipo desaparecu. López-Tulla volveu apostar polo ataque de cinco con Ale de Paz como porteira-xogadora e Débora recortou distancias (3-4), pero o balón parado e as perdas volveron lastrar a un conxunto local que se desdibuxou por completo. Livia e Irene Córdoba, con dúas poutadas consecutivas, deixaron o marcador nun 3-6, antes de que a propia Irene asinase o sétimo desde o seu propio campo. Aínda restaban 10 minutos de partido e o Poio Pescamar xa estaba completamente noqueado. Con todo, aínda faltaba a guinda final ao resultado. A falta de dous minutos para a finalización, a porteira do Navalcarnero Bea Parrón arrincou desde a súa propia portaría, regateou a todas as xogadoras locais e plantouse en campo rival para facer o 3-8 que deixou completamente xeada á afección conserveira. Con esta derrota, o Poio Pescamar despide o ano en cuarta posición (á espera do que faga o Alcorcón ante o Atlético Torcal) despois de encadear dous tropezos consecutivos ante o líder Melilla Torreblanca e o Futsi Atlético Navalcarnero, que co seu triunfo na Seca logra adiantar ás vermellas na clasificación. Consulta a acta neste enlace [galleries:vertical:10941]