Confirmados os 8,7 millóns de fondos europeos para Monte Porreiro, A Parda, Valdecorvos e A Seca

Wait 5 sec.

Boas noticias para Pontevedra. O goberno municipal recibiu a confirmación oficial da concesión de 8,73 millóns de euros do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para a rehabilitación de catro barrios da cidade. Sumados aos 5,82 millóns de euros que deberá achegar a administración local, as actuacións que se abordarán este catro ámbitos urbanos alcanzará unha senda de gasto de 14,55 millóns. O edil responsable da área económica no concello pontevedrés, Raimundo González, destacou que esta inxección de fondos europeos contribuirá a impulsar unha "transformación radical e estrutural" da calidade de vida nestas zonas. A resolución definitiva da Dirección Xeral de Fondos Europeos asigna 76,5 puntos á Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) presentada por Pontevedra e fixa unha taxa de cofinanciación do 60% por parte de Europa. A chegada destes fondos europeos permitirá financiar actuacións nos barrios de Monte Porreiro, A Seca, Valdecorvos e A Parda, lembrou González. O goberno municipal defende que conta con proxectos "maduros", o que facilitará cumprir coa obrigación de executar e pagado o 20% da concesión a mediados de 2027. Os fondos destinaranse a proxectos "estratéxicos" de rexeneración urbana e dotación de servizos, con especial incidencia en actuacións "verdes". En Monte Porreiro será a construción dun pavillón de tenis de mesa cunha cuberta verde que funcionará como praza pública, a renovación do campo de fútbol e rugby, a rehabilitación do centro sociocultural e a reforma das rúas Alemaña, Irlanda, Luxemburgo e Reino Unido. Na Parda, pola súa banda, financiarase o gran parque urbano de máis de 34.000 metros cadrados, unha obra actualmente en execución que dotará ao barrio dun gran pulmón verde. Pola súa banda, en Valdecorvos crearase o parque inundable como solución baseada na natureza como medida paliativa das inundacións na rúa Fernando Olmedo, e na Seca urbanizarase un espazo público situado xunto á vía do ferrocarril. O plan inclúe tamén, en materia de cidades intelixentes, partidas para a administración dixital e a modernización tecnolóxica dos servizos municipais.