'A Pedreira', unha referencia no patrimonio cultural da Lama de regreso tras a pandemia

Wait 5 sec.

Tras o parón derivado da pandemia da covid-19, volveu saír á rúa a revista 'A Pedreira', todo un referente no ámbito cultural, etnográfico e social da Lama. Deixou de publicarse coa crise sanitaria e levaba anos sen novas edicións, de maneira que o seu regreso foi toda unha celebración no municipio. O salón de plenos do Concello da Lama acolleu a presentación oficial do que é o número 18 da revista, coordinada desde a biblioteca municipal e a OMIX e coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia. O alcalde, David Carrera, presidiu o acto, acompañado polo tenente de alcalde, José Fortes, e polo concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya. Tamén estiveron presentes numerosos colaboradores e colaboradoras desta nova entrega da revista, que quixeron arroupar unha publicación xa consolidada e moi valorada pola veciñanza. Esta edición conta con artigos de José Benito García Iglesias, Lourdes Sieiro González, Isabel Suárez Tarrazo, Maximino Fernández Sendín, Manuel Suárez Amoedo, Henrique Silva, Elena Taboada (Sociedade Cooperativa Árbore), Domingos Rumbo e Daniel Vidal, entre outros. Ademais, conta con debuxos da pintora e ilustradora Irma Loureiro Neira. O coordinador da revista, Antón Xil, agradeceu "a implicación, a xenerosidade e o rigor" de todas as persoas que colaboran en A Pedreira, facendo posible "unha publicación colectiva que é xa patrimonio cultural da Lama". Destacou que a revista nace co obxectivo de "poñer en valor a nosa historia, a nosa identidade e o noso territorio", servindo como ferramenta de divulgación cultural, etnográfica e tamén turística. A Pedreira, para Antón Xil, "mira ao pasado para entender mellor o presente e para proxectar o futuro dun concello con moito que contar". Neste número 18, aborda asuntos como o centenario da Casa Consistorial da Lama, os antigos salóns de baile do municipio, a autoría do escultor Pepe da Pena (autor, entre outras obras, do Cruceiro de Hío e da cúpula da capela das Ermidas), o Entroido tradicional, as figuras do Cascarrabias e Dona Coresma ou Wenceslao Barreiro e Claudio Vilanova, pioneiros da radio e da televisión en Galicia. A publicación complétase con artigos sobre iniciativas e elementos patrimoniais como Villa Boutique 1880, a restauración da Ponte Anceu, a Casa da Sociedade do Pelete ou seccións de memoria colectiva como 'A miña aldea, estampas dun tempo', que contribúen a reconstruír a historia social e humana da Lama. David Carrera recolleceu a todas as persoas participantes nesta obra coral de divulgación cultural e salientou que A Pedreira é "un exemplo de como a colaboración entre institucións e cidadanía dá lugar a proxectos de grande valor para o concello, fortalecendo o sentimento de pertenza e o orgullo polo noso patrimonio". A revista será repartida de maneira gratuíta entre a veciñanza e poderá retirarse na biblioteca e nas oficinas municipais, facilitando así o acceso de toda a cidadanía.