A metade dos condutores aos que a Policía Local de Pontevedra realizou drogotest na última campaña de vixilancia e control de alcol e drogas deron resultado positivo. É unha das principais conclusións da campaña, realizada entre os días 15 e 21 de decembro en distintos puntos da contorna urbana da cidade. Durante a campaña, realizada en colaboración e coordinación coa Dirección Xeral de Tráfico, controlaron un total de 240 vehículos e formuláronse 18 denuncias aos condutores que deron algún tipo de positivo. No caso das drogas, realizaron 14 probas a condutores distintos e tramitaron un total de sete denuncias. Entre os sete condutores denunciados, seis deron positivo en consumo de cocaína. No caso dos test de alcol, realizáronse 240 e houbo 11 positivos, o que significa que o 95 % dos condutores ofreceu un resultado negativo. Dous dos once positivos deron unha taxa superior a 0,60 miligramos de alcol por litro de aire expirado, un resultado que implica que o condutor é denunciado pola vía penal. O Concello de Pontevedra lembra, a través dun comunicado, a importancia deste tipo de controis e a tolerancia cero á hora de coller un vehículo baixo os efectos do alcol e as drogas, apelando á responsabilidade de toda a sociedade.