O servizo de limpeza do centro de especialidades de Mollavao, en Pontevedra, e de 24 centros de saúde pertencentes á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés custará durante seis meses un total de 552.840,06 euros. A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica a licitación deste contrato e as empresas interesadas dispoñen ata o 21 de xaneiro de 2026 para presentar as súas ofertas. No centro de especialidades de Mollavao, divídense as zonas en función das condicións de limpeza e as necesidades segundo os riscos de infección para o paciente e o traballo que se realiza en cada zona. As áreas cirúrxicas establécense como zonas de risco alto; as consultas externas, salas de curas, de extraccións, urxencias, fisioterapia, radioloxía e odontoloxía, como risco medio; e vestíbulos, corredores, escaleiras, ascensores, cuartos de máquinas, vestiarios ou salas de estar son consideradas zonas de risco baixo. Ademais, na cidade de Pontevedra, inclúense no contrato os centros de saúde de Lérez, Monte Porreiro, A Parda e Virxe Peregrina. Tamén son obxecto do contrato os centros de Tenorio e Cerdedo (en Cerdedo-Cotobade); Arcade (Soutomaior); O Grove; A Illa de Arousa; Seixo e Marín (Marín); Moraña; Dena e Meaño (en Meaño); Vilalonga e Sanxenxo (en Sanxenxo); Raxó (en Poio); Vilagarcía de Arousa; Caldas de Reis; Mosteiro (Meis); Catoira; Forcarei; e Ribadumia. Nos centros de saúde, a limpeza ten en conta o nivel de uso de cada centro, segundo teña actividade asistencial en horario de mañá exclusivamente, en horario de mañá e tarde, ou ben conte con urxencias de atención primaria e o seu funcionamento sexa os 7 días da semana e as 24 horas do día. A superficie total a limpar é de aproximadamente 27.900 metros cadrados.