Vaise o ano. Acábase un deses anos que nos fai ver todo máis escuro. Onte foi o Día dos Inocentes, lembra a matanza, que mandara Herodes para desfacerse de Xesús de Nazaret, dos nenos menores de dous anos que naceran en Belén (Palestina). Hoxe en Palestina seguen asasinándose nenos e nenas polo exército do Estado de Israel, protexido polos EEUU. Igual lles pasa ás crianzas en Ucraína ou no Sudán. Terrible ano para os inocentes. O ano tivo de todo. O 28 de abril houbo un gran apagamento, quedou á península sen electricidade. Os do lobby das enerxéticas de combustibles fósiles intentaron botar a culpa as renovables. Soubemos que non era certo. Nas renovables está o futuro para combater o cambio climático. Arderon na península máis de 600.000 ha (216.000 en Portugal en 400.000 en España). Os lumes van ser cada vez máis grandes, haberá que prepararse. Segue a violencia machista asasinando mulleres, non se dá parado, este ano tampouco. A vivenda segue a ser un problema neste país, non se dan tomado as medidas necesarias. A xustiza acadou o grado máis alto de descrédito. Hai casos, dalgúns xuíces, que se non son "lawfare", paréceno. Condena ao Fiscal Xeral do Estado sen probas. Manifestacións cas togas postas diante dos xulgados pero sen desconto de salario. E, para rematar o ano os bispos volven ás andadas, ao igual que lle fixeran a Zapatero,e piden que se adianten as eleccións. Si queren meterse en política, ao igual que algúns xuíces, porque non se presentan ás eleccións? Empezou mal, en xaneiro Donald Trump entra na Casa Branca. A presidencia dos EEUU era clave para o equilibrio xeopolítico do mundo. Agora a súa política son falsidades, mentiras, invencións, chulería e prepotencia. Estamos en mans dun neno grande que ten a pelota e si non quere non xogas, un abusón no recreo. Expulsa e encadea migrantes, despide funcionarios, recorta axudas aos necesitados. Os gobernos calan porque temen que as súas economías aparezan na súa rede social Truth Social. Por algo Fundeu elixiu palabra do ano "arancel". Apóiase nas tecnolóxica para interferir nas eleccións, en países democráticos, para apoiar a partidos da súa corda. Agora maniféstase, sen cortarse, en contra de Europa e a UE, que rachar a unidade. Temos medo a unha guerra no Caribe. Estará mal da cabeza? Como se pregunta Adam Gabbatt en The Guardian (Is Trump mentally OK? A look back at the president's unusual behavior in 2025). O mundo está en ansiedade, tanta que imos quedar sen alprazolam. E aquí, como foi o ano? Como o ano anterior. Nunca houbo ao fronte da Xunta de Galicia tantos mandatarios incultos e ineptos, que desprezasen tanto ao País. Rueda, ao igual que fixo antes Feijóo, desfruta indo a Madrid, abandonando o País. Leva varios Consellos da Xunta que non preside por ter reunión do PP en Madrid. Igual ten razón onde estea unha reunión do PP en Madrid que se quite de diante a Presidencia da Xunta. Euskadi e Catalunya farán parte da Unesco, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, como membros asociados e, tamén se integrarán na Organización Mundial do Turismo (OMT). Galicia non vai estar nunha nin noutra. A Xunta do PP tomou a decisión de deixar fóra ao noso País, onde van estar os gobernos de Cataluña e Euskadi. A resposta do conselleiro da Presidencia, Diego Calvo (que presidiu o Consello da Xunta por Rueda estar en Madrid nunha reunión do PP) non ten refugallo: "xa nos sentimos representados por España". Sitúan a Galicia á altura dunha cidade autónoma como Ceuta ou Melilla. Cada vez pintamos menos. Mentres esnaquizan o público non dubidan, a cara descuberta, en apoiar aos poderosos como ALTRI, ENCE, o lobby da enerxía e minería... O amigo Antón, falando do resumo do ano en Galicia díxome: "Manuel Fraga era un franquista culto e preparado, que parecía que ía cara a democracia, estes coa súa ineptitude van da democracia cara a extrema dereita". Aínda así e todo deixemos que se vaia este 2025 e agardemos que o ano novo sexa mellor. Deséxovos a todas e todos un ventureiro ano 2026.