O Ministerio de Cultura premia a "orixinalidade" de 'Vilagarcía, Cidade de Libro'

Wait 5 sec.

A iniciativa 'Vilagarcía, Cidade de Libro' acaba de recibir, de novo, o apoio económico do Ministerio de Cultura. Renova o patrocinio da cita vilagarciá dentro do seu programa de axudas á promoción da lectura e as letras españolas e concede un importe de 19.000 euros. Vilagarcía foi seleccionada nunha convocatoria á que se presentaron 61 propostas doutros tantos concellos de España e obtivo a quinta mellor nota. Segundo a información facilitada polo Concello, foi tamén das máis valoradas no apartado de "orixinalidade" (4 de 5 puntos posibles). O ministerio concedeu un total de 765.000 euros en axudas e deulle a Vilagarcía a mesma subvención que outros eventos moito máis consolidados, como a Feira do Libro Antigo e de Ocasión de Madrid, que leva xa 47 edicións, ou a programación literaria da Feira do Libro de Valencia, que ten tras de si 60 anos. Na categoría das subvencións aos concellos, só quedaron por diante de Vilagarcía, en canto á axuda recibida, o Festival de Narrativas Cuéntalo, de Logroño (9 edicións) e a Feira do Libro de Valladolid (58), quedando empatada co Festival Internacional de Literatura de Viajes y Aventuras Periplo, de Puerto de la Cruz (13), e a Feira do Libro de Melilla (38). Para o goberno local, a resolución do Ministerio de Cultura ten aínda máis valor se se ten en conta que 'Vilagarcía, Cidade de Libro' conseguiu, en tan só cinco edicións, situarse dentro do panorama nacional como unha das principais iniciativas na promoción do libro e a lectura. O goberno local celebra e agradece a axuda do Goberno de España pola contía e "especialmente polo que significa de aliciente para seguir traballando por unha Cidade de Libro cada día mellor".