O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra é desde o venres punto de venda da obra de banda deseñada Castelao en Pontevedra (1916-1936). A obra, de Miguel Pérez Ramudo, foi editada por Almacén de Fábulas para o Museo de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra. Trátase dun percorrido biográfico e artístico polos vinte anos nos que o intelectual e artista viviu en Pontevedra e véndese por 20 euros. Miguel Pérez Ramudo, natural de Cambados, conta cunha notable experiencia na translación a viñetas da biografía de personalidades da cultura galega. No ano 2020 gañou o primeiro premio Xuventude Crea na categoría de banda deseñada por Joaquín Vaamonde (1871-1900). Unha promesa truncada da Xeración Doente. Tamén é autor de Ricardo Carvalho Calero. Unha biografía en viñetas (Lela Edicións, 2020). O cómic, de 64 páxinas e editado en tapa dura, estrutúrase como un diario no que o seu protagonista nos conduce polos momentos clave da súa vida a través da súa voz interior, coa participación activa de personalidades como Cabanillas, Risco, Losada Diéguez e Bóveda, entre outros. Este entramado de figuras serve para contextualizar o impacto de Castelao e tamén para destacar o papel de toda unha xeración comprometida coa identidade e o patrimonio galegos. Recolle momentos clave da biografía de Castelao, como a súa intervención na Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), a viaxe a Francia, Béxica e a Alemaña (1921), a morte do seu fillo (1928), a edición do álbum Nós (1931), o desterro en Badajoz (1934) ou os acontecementos de 1936, coa súa elección como deputado, a campaña e aprobación do Estatuto de Galicia e o alzamento militar que dá inicio á Guerra Civil e provoca o seu exilio. O libro inclúe un rico rexistro visual no que as viñetas recrean minuciosamente obras de Castelao e usan como fonte moitas fotografías da súa vida e un amplo abano de imaxes de arquivo: paisaxes rurais, rúas e prazas, carteis e escenas da vida cotiá.