Como llo explico aos meus fillos?

Wait 5 sec.

Esta é a pregunta desesperada que moitas persoas, entre as que se atopan, por suposto, numerosas vítimas de violencia de xénero, nos fixeron nestes días de Nadal, que para eles foi, está a ser, o Nadal da angustia, da desesperación máis absoluta, ante a posibilidade de que o escudo social, que incluía, entre outras medidas, a prohibición de cortes de subministracións básicas (auga, luz e gas) e a suspensión de desafiuzamentos para estes colectivos que non contasen cunha solución habitacional, ata finais do 2025, non fose renovado. Teño que confesar antes de continuar adiante, que, por máis que poida parecer unha parvada, este é un dos artigos que máis me está custando escribir, e que o estou a facer cun nó na garganta, porque é moi difícil transmitir esa angustia se non se vive, e a impotencia de non poder facer nada. Finalmente, o pasado día 24, Noiteboa, o Goberno deu luz verde á prórroga de tales medidas ata finais do 2026, pero a angustia continúa, xa que non só aínda deberán ser refrendadas no Congreso, senón que, para máis inri, e demostrando a falta de humanidade máis elemental, esa prórroga está supeditada ao apoio dalgún partido que ameaza directamente con non dalo de non ceder o Goberno a incluír no mesmo paquete de medidas a revalorización das pensións. Chegados a este punto, ese nó na garganta que sinto xa se transformou en bágoas porque hai cousas que non consigo asimilar, por máis que mo expliquen, xustamente porque carecen diso, de explicación e de xustificación. Como se pode entender tal falta de humanidade que supedite impedir deixar a tantas e tantas persoas, entre as que tamén hai, naturalmente, nenos e nenas, anciáns, persoas dependentes, na rúa, ou na escuridade máis absoluta, aterecidos de frío como ferramenta para conseguir os seus obxectivos políticos? É que non teñen corazón? Estamos a falar de vidas, de seres humanos, nunhas circunstancias que, por moi improbable que semelle, nun momento dado, lle poden sobrevir a calquera, por moi improbable que poida parecer. Como se pode ter tal falta de conciencia como para utilizar a súa desesperada situación a modo de chantaxe política? E tanto ten, aclaro, a cor política da que se trate. Por se isto non abondara, atopámonos con outro atranco do que tampouco se pode, polo que se ve, falar, que é o papel que xogan os Servizos Sociais en todo isto, que é, debería ser, fundamental, pero que, por desgraza, nun número moi considerable de casos, e con todo o respecto, digo, lonxe de axudar, sumen en tal desesperación ás persoas que acoden a eles que acaban por desistir de continuar contando coa súa presunta "axuda". Creo que todos concordaremos en que non é de recibo, nin se pode tolerar que para a tramitación, por exemplo, do Bono Social Eléctrico, un ano despois de que a persoa afectada se dirixa a eles, continúe sen solución ningunha e que se siga vendo afectada polos cortes de subministracións, malia estar prohibidos polo Goberno para estes colectivos. Menos aínda que, cando a persoa afectada se dirixe á comercializadora pedindo explicacións, lles diga que non teñen no seu poder ningunha documentación por parte de ditos Servizos que acredite a súa situación, e se comprobe que é así, malia que aseguren telos enviado hai meses, sendo isto totalmente falso. E este é tan so un exemplo, que podemos demostrar, obviamente, xa que, do contrario, nunca afirmaríamos nada semellante. Ía dicir que actúan como meras xestorías, pero tampouco, porque as xestorías cobran, e, porén, porque queren cobrar, axilizan o seu traballo. Os usuarios dos Servizos Sociais son seres humanos, pero, para os seus traballadores, son un número máis, algo que non se pode comprender, porque se algo debería ser fundamental no seu traballo é o factor humano. Atopámonos, ademais, con métodos de traballo absolutamente mecanizados, fríos e obsoletos, xa que a problemática social mudou notablemente, e, lonxe de adaptarse a ela, algo imprescindible neste eido, continúan traballando baixo os mesmos criterios de hai anos e anos. É imprescindible a súa evolución, que se adapten á problemática actual e non pretendan seguir cinguíndose a uns criterios que xa de pouco serven, e, para isto é preciso algo fundamental. Vocación e empatia. Cada persoa que acode a solicitar a súa axuda o fai levando ás súas costas historias, vivencias, moi dolorosas, e mesmo problemas de saúde derivados da súa situación. É preciso que tenten poñerse na súa pel, tentar transmitirlle un chisco de ánimo, de forza, e non botarlle bronca tras bronca porque non se manexa ao ritmo ou coa axilidade que ao traballador ou traballadora lle gustaría, pero non o fai por amolar. Sinxelamente, non pode, ou non dispón das ferramentas ou coñecementos imprescindibles para facelo. Reiteramos que sabemos que non todos os traballadores son iguais, pero os casos que estamos a describir tampouco son tan illados, sexamos realistas. En resumidas contas, aínda se agardan días de moita incerteza, de moita dor, e o desenlace favorable non está, nin con moito, asegurado. Mentres media España se prepara para despedir o ano e para recibir o novo con todo o ouropel que se supón a ocasión require, a outra media, ou incluso máis, está a pasar necesidade e a conter a respiración de puro medo porque, en nada, poden verse sen fogar e a pregunta coa que comezamos é moi procedente: como llo explican aos seus fillos? Asociación Si, hai saída