O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, deu conta, en conferencia de prensa, da Xunta de Goberno celebrada este venres, na que foron aprobados investimentos, accións e proxectos que ascenden a 9,4 millóns de euros. O executivo provincial deu luz verde este venres a un "amplo bloque social" no que se inclúe a adxudicación do contrato do programa Máis Benestar 2026 (de estadías en balnearios para 2.127 persoas maiores pensionistas), por valor de 220.000 euros. Ademais, foron aprobadas as bases reguladoras dos seguintes programas: do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios no 2026 (dotadas de 3,1 millóns de euros), das axudas básicas de emerxencia (que distribuirán uns 610.000 euros entre concellos de menos de 20.000 habitantes), do programa Provincia Activa (de talleres de envellecemento activo) e das axudas para entidades sen fins de lucro para impulsar accións sociais (dotadas de 600.000 euros). O goberno provincial tamén aprobou tres convenios por un montante global de 3,1 millóns de euros, para a mellora de catro estradas provinciais. Co Concello de Valga asinarase o acordo para actuar na EP-8501 Valga–Os Martores e na EP-8502 Valga-Baño. Con Sanxenxo pactouse unha reforma na EP-9206 Portonovo-A Vichona e en Cerdedo-Cotobade a actuación será na EP-0407 Borela-Ponte Caldelas. Por outra banda, Luís López informou da adxudicación de dúas parcelas no polígono de Barro por valor de máis de 543.000 euros á empresa Comercial Vehículos Industriais Tar SL. Este parque industrial xa conta con 30 empresas instaladas que ocupan o 90 % da superficie total do polígono. Só quedan oito espazos libres polo que a Deputación xa pensa na súa ampliación. "Isto demostra que estamos a impulsar un polígono que xa é un dos grandes polos económicos da nosa provincia", dixo o presidente. Nesta mesma Xunta de Goberno aprobouse a concesión das subvencións para comprar e reparar instrumentos e vestiario que beneficiarán a 183 agrupacións musicais da provincia. Luís López destacou que estás son unhas axudas que xurdiron "para dar resposta ao gran clamor que había no mundo da cultura" para que se habilitasen recursos que puidesen atender estas necesidades. Tamén foi aprobada a concesión das subvencións a clubs deportivos da provincia para a adquisición ou a adaptación de medios de transporte, as coñecidas como as axudas DepoVan, por un importe de 600.000 euros. O presidente da Deputación anunciou que "o vindeiro ano imos subir a aposta" e no orzamento, que no pleno deste venres quedará aprobado de maneira definitiva, está contemplada "de entrada" unha partida dun millón de euros, "máis do triplo do que se destinaba inicialmente no ano 25". Por último, o goberno provincial adxudicou o contrato para crear unha plataforma museográfica virtual e un museo ao aire libre sobre a Festa do Corpus en Ponteareas. O proxecto inclúe un portal web con contidos históricos e audiovisuais, un percorrido virtual polas rúas coa mostra das alfombras e do seu proceso de elaboración, a dixitalización de materiais audiovisuais e a instalación de tótems interactivos ao longo do itinerario habitual das alfombras. A iniciativa desenvolverase mediante un convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas. A administración provincial achega 155.000 euros para impulsar esta iniciativa enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística do Condado-Paradanta, dotado con 1,5 millóns de euros con financiamento europeo.