A San Silvestre, unha "festa do deporte" que recupera o seu percorrido clásico

Wait 5 sec.

Xa está aquí a edición número 42 da San Silvestre, a proba que, como é habitual, pechará este 31 de decembro o intenso ano deportivo en Pontevedra. O percorrido deste ano, de 3.800 metros, será totalmente urbano. "Volvemos un pouco aos inicios no centro", explicou o coordinador da proba, Víctor Riobó. Así, a saída e a meta estarán na Avenida de Montero Ríos e os corredores pasarán gran parte do percorrido polo centro histórico, algo que "é moi bonito". Tras saír de Montero Ríos, os participantes irán por Riestra, Augusto Gonzalez Besada, Praza de Galicia, Augusto García Sánchez, General Rubín, Iglesias Vilarelle, Andrés Mellado e Peregrina. Xa no centro histórico, pasarán por Soportais, Curros Enríquez, Rúa Real e Serra, antes de encarar a recta final por Avenida de Bos Aires, Avenida do Uruguai, Galera, Arcebispo Malvar e Praza de España, camiño de volta a Montero Ríos. Riobó destacou que os nenos pequenos teñen a opción, "como hai moitos cruces", de poder atallar. "Non pasa nada, porque ao final o bonito é vivir o ambiente e xerar esa tradición xeneración tras xeneración", engadiu. A saída será ás cinco da tarde, pero haberá actividades previas desde media hora antes. Como novidade técnica, o coordinador da San Silvestre sinalou que se instalaron dous tótems (un de saída e outro de meta) para xestionar o gran volume de corredores. "A intención é que o circuíto estea totalmente cheo de xente; dada a velocidade dos primeiros e a cantidade de participantes, é probable que o gañador entre en meta cando aínda non saíron os últimos", indicou o director deportivo. Haberá premios para os tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina e tamén para os mellores disfraces dos participantes. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, manifestou o seu desexo de que esta proba supere os 7.000 participantes, que é o aforo máximo para este ano. "É unha festa do deporte na cidade do deporte", destacou Fernández Lores, que recordou que é unha das probas máis antigas da cidade e a que ten a maior tradición en Galicia. Na presentación da San Silvestre participou tamén a presidenta da Sociedad Gimnástica, Charo Castro, que cualificou a proba como a "festa anual do atletismo e de Pontevedra", facendo un chamamento a que participen persoas de todas as idades. Así mesmo, celebrou as boas previsións meteorolóxicas, que apuntan a que este ano a carreira se disputar´á baixo o sol, lonxe das condicións adversas de edicións pasadas. Para participar é obrigatorio inscribirse aportando un quilo de alimentos, o que garante a obtención do dorsal e a cobertura do seguro da proba. As inscricións poden realizarse na tenda Miller e, nos últimos días, habilitarase un local cedido na rúa Castelao, número 3, para axilizar os trámites e evitar as colas de última hora.