E un ano máis, a administración de lotaría número 1 da Illa de Arousa volveu a repetir sorte. Este ano, con tres premios, dous quintos e un terceiro do sorteo extraordinario de Lotaría de Nadal. Este despacho da Rúa Travesía Cruceiro repartiu 10 décimos dun quinto premio do sorteo extraordinario de Lotaría de Nadal, o 60649, que tamén deixou agraciados en Sanxenxo e Pontevedra e tamén billetes doutro quinto, o 77715 e do terceiro, o 9069. O primeiro en saír foi o 60649 e o seu loteiro, Manuel Núñez, xa mostraba a súa alegría: "Seguimos, todos os anos picamos algo". En 2021 repartiron 15,7 millóns de euros e en 2024, un décimo do Gordo. Tamén repartiron cartos en 2022 e 2023. "O caso é todos os anos ir tocando algo", manifestou, como desexo, tras recoñecerse "super contentos". Dese primeiro quinto premio repartiron unha folla, dez décimos -60.00 euros en total-, todos en portelo, e descoñece os destinatorios. "Puido ser no verán ou nos de última hora", recoñecía, "non sabemos cando se vendeu porque ao longo da campaña vas cambiando os números". Para un loteiro é sempre "unha satisfacción" repartir premios e, no seu caso, ademais, por partida tripla, aínda que recoñece que a festa é maior cando se venden desde un bar ou unha asociación. Así ocorreu en 2021, coas participacións dos escolares de cuarto curso de ESO do instituto local.