O Pontevedra Club de Fútbol inicia unhas merecidas vacacións cun sorriso no rostro. Co seu terceiro triunfo consecutivo en liga os granates chegaron ao parón en postos de play-off de ascenso, e o que é máis importante con 9 puntos de vantaxe sobre a zona de descenso. Rubén Domínguez deu unha semana de descanso ao primeiro plantel tras o seu triunfo en Barakaldo, polo que non regresarán aos adestramentos até o luns 29 de decembro. Farano mirando xa cara a un primeiro duelo de 2026 de altura, o choque de rivalidade autonómica en Pasarón fronte ao Racing de Ferrol (sábado 3 de xaneiro, 16.30 horas), terceiro con tres puntos máis que os pontevedreses (30). 𝐏𝐋𝐀𝐍 𝐒𝐄𝐌𝐀𝐍𝐀𝐋 | Os nosos xa están de vacacións e voltarán aos adestramentos o próximo luns 29 para preparar o derbi ante o Racing de Ferrol #𝐆𝐑𝐀𝐍𝐀𝐓𝐄 ♥️#PrimeraFederacion | #VersusELearning pic.twitter.com/cvIjJ8J7uJ — Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) December 22, 2025 ENTRADAS DE FONDO NORTE ESGOTADAS A expectación para ese primeiro partido do ano é máxima, e xunto ao desprazamento previsto desde Ferrol, a venda de localidades avanza a bo ritmo na Boa Vila. Tanto é así que xa se colgou o cartel de 'non hai billetes' no Fondo Norte, entre as entradas vendidas e as invitacións retiradas polos socios do Pontevedra. No que respecta ás localidades visitantes, ocuparán toda a zona superior do Fondo Sur, cunha xestión de venda cedida ao Racing (non existe previsión de ocupar a bancada baixa por seguridade). Cabe lembrar que ao tratarse dun encontro declarado de 'alto risco', non se abrirá o despacho de billetes o día do encontro, polo que a venda se pechará definitivamente o día 2 de xaneiro ás 18.00 horas.