A Travesía do Lérez, unha das probas mellor valoradas do calendario nacional

Wait 5 sec.

Só leva tres anos celebrándose, pero paso a paso vaise consolidando como un evento de referencia. A Travesía do Lérez, competición de natación en augas abertas que este ano formou parte da Copa de España da especialidade, foi unha das mellor valoradas de todo o calendario nacional. En concreto esta travesía, organizada polo Club Natación Galaico con saída e chegada na praia fluvial do Lérez, é segundo unha enquisa efectuada aos deportistas o segundo mellor evento da Copa de España a nivel organizativo. Nesa enquisa participaban ata 20 probas, todas as da Copa de España ademais do Campionato de España Open. En concreto, a Travesía do Lérez obtivo a segunda mellor nota de satisfacción na organización xeral (circuítos, servizos ao participante, instalacións), con 4,60 puntos de media e só superada pola etapa da Copa de España celebrada en Ceuta (4,96 puntos). Tamén destaca a valoración dos nadadores en canto a localización, sendo a terceira nesta cuestión (4,63 puntos) por detrás de Ceuta (4,89) e Navia (4,71), e atópase no cuarto lugar de mellor valoradas en 'animación e espectáculo'. Esta valoración supón un reforzo ao esforzo organizativo do Club Natación Galaico e á súa aposta por conseguir que a Travesía do Lérez chegue a converterse en internacional. Polo momento, a intención en 2026 é repetir no calendario da Copa de España de Augas Abertas, aínda que coa idea de atrasar a proba ao mes de setembro para unila á Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon e que poidan participar algúns dos triatletas de elite internacional que estarán na Boa Vila.