O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín alertou do deterioro e abandono dunha das parcelas do antigo Tiro Naval Janer, unha situación que, segundo denuncia, comporta riscos para a seguridade debido ao avance da vexetación. A concelleira do BNG, Celia García, levou o asunto ao pleno municipal celebrado o pasado 9 de outubro, onde advertiu de que a maleza cobre por completo o cableado eléctrico existente, o que podería provocar a súa rotura "polo exceso de peso da vexetación". Ademais, sinalou que o estado xeral da parcela transmite "unha evidente sensación de deixadez", con herbas que invaden o espazo público e dificultan tanto o acceso como a visibilidade na zona. García reclamou que o Concello asuma a responsabilidade da limpeza e mantemento da parcela, ao considerar que "non se trata só dunha cuestión estética, senón tamén dun problema de seguridade e de prevención de danos". Dende o BNG insisten en que é preciso intervir canto antes para poñer fin á situación de abandono. Piden que se garanta a seguridade da veciñanza, lembrando que a área do Tiro Naval Janer segue a ser un espazo sensible pola súa localización e polo uso público que se lle quere dar no futuro. Maleza en Tiro Naval JanerBNG de Marín