Chega a tempada de magostos ao Concello de Poio. Até mediados de novembro até unha decena de celebracións terán lugar nas diferentes parroquias. En todas elas, impulsadas por colectivos locais co apoio do Concello, está previsto repartir preto de 1.000 quilos de castañas. Tras manter un encontro cos colectivos implicados, o alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, quixeron destacar "a implicación de todo o tecido asociativo local por manter viva unha tradición con moito arraigo no municipio". O primeiro dos magostos previstos non se fará de rogar, xa que se organizará este próximo sábado 25 de outubro ás 20.00 horas no Parque Costa Xiráldez de Lourido. Seguiralle o 1 de novembro unha celebración na Praza da Granxa de Campelo (20.30) horas, e o 7 de novembro o tradicional magosto da Casa Rosada (17.30 horas) promovido polo Concello e destinados ás persoas maiores. O sábado 8 de novembro pola súa banda a cita será dobre en Combarro (Rualeira, 18.00 horas) e no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó (20.00 horas), mentres que o luns día 10 de novembro celebrarase a Festa da Castaña na Praza da Capela de San Martiño (20.00 horas). Por último o sábado 15 será a quenda do Sartal (19.30 horas) e de Vilariño (20.00 horas) e o domingo 16 de novembro pecharán os magostos os previstos na Comunidade de Montes Río de Bois de Samieira (18.00 horas) e na Seca (20.00 horas).