O Pleno de Pontevedra discute sobre medidas urbanísticas e sociais

Wait 5 sec.

O Concello de Pontevedra celebrou este luns, 20 de outubro, unha intensa sesión plenaria na Casa Consistorial, na que se debateron medidas urbanísticas, sociais e orzamentarias, acompañadas de momentos da habitual confrontación política entre os grupos municipais. Un dos principais acordos foi a aprobación dunha modificación puntual do Plan Especial de Protección do Centro histórico (PEPRICA) para recalificar como zona verde un terreo situado na rúa Arcebispo Malvar. Ademais, modificouse a ordenanza de mobilidade para permitir que as bicicletas poidan circular con remolques destinados ao transporte de menores ou mascotas. En materia educativa, a Corporación ratificou o convenio de colaboración coa Federación de ANPAS de Pontevedra (FANPA) para o próximos tres anos, cunha dotación de 819.000 euros destinados ao Plan Madruga e comedores escolares dos 20 centros públicos do municipio. Esta cifra representa un incremento do 11,76 % respecto ao convenio anterior, que non se actualizaba desde 2020. Así mesmo, o Pleno deu luz verde ao décimo expediente de modificación de crédito do orzamento, por valor de 562.285 euros, que se destinarán á mellora enerxética e acústica do Mercado de Abastos. Esta reorientación de fondos supón a renuncia ao financiamento municipal do proxecto da Vía Verde (Pontevedra-Ponte Sampaio-Arcade), agora asumido pola Deputación. O cambio afecta ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino financiado por fondos europeos Next Generation, o que provocou o primeiro enfrontamento político da sesión. O portavoz do PP, Rafa Domínguez, reprochou ao goberno local a súa "penosa" xestión dos fondos europeos, acusando o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de perder os 2,2 millóns destinados ao proxecto de "destape" do río Gafos. As críticas foron duramente replicadas por Anabel Gulías (BNG) e por Iván Puentes (PSOE), que lembraron a perda de millóns en subvencións europeas durante a xestión do propio Domínguez na Deputación. Puentes cualificouno como "campión da incompetencia". Noutro punto, o PP propuxo un convenio coas bandas de música do municipio para reforzar a súa presenza en festas parroquiais. Foi apoiada polo PSOE mentres que o goberno local lembrou que xa existen acordos vixentes con varias agrupacións musicais, aínda que o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, admitiu a posibilidade de "mellorar as condicións". Unanimidade alcanzou a moción socialista que reclama á Xunta de Galicia o incremento de prazas concertadas na residencia de Amencer-Aspace en Pontevedra, que actualmente só atende a 12 persoas a pesar de dispor de 32 prazas. O PSOE denunciou o incumprimento dos compromisos autonómicos e acusou á Xunta de someter á entidade a unha "asfixia económica". Desde o PP, a concelleira Silvia Junco xustificou os atrasos na actualización do convenio debido ao "impacto" do novo convenio colectivo do sector, que supuxo un aumento salarial do 10 %. Por outra banda, o PP defendeu unha moción para aumentar nun 250 % as prazas de aparcadoiro gratuíto na cidade. A proposta foi apoiada parcialmente polo PSOE, aínda que cunha emenda que eliminaba as críticas ao modelo de transporte "Coche de Punto". O goberno local, a través do concelleiro César Mosquera, rexeitou a proposta por considerala "imposible de executar". Tamén se aprobou, co apoio do BNG e o PSOE, unha moción socialista que propón ao Concello formalizar un acordo co Consorcio Zona Franca de Vigo para estudar a creación de novas áreas de solo industrial en Pontevedra. O PP votou en contra, argumentando que non apoiarán unha "sumisión al PSOE de Vigo y a Caballero". Finalmente, o Pleno debateu por terceira vez a reiterada proposta do PP para a implantación dunha unidade de prevención e reacción, así como a construción dunha nova Comisaría de Policía Nacional en Pontevedra. O debate quedou aberto aínda que todos votaron a favor. [galleries:vertical:10802]